O BNG urxe a toma de acordos sobre o problema da auga en Vilaza

O BNG urxe a toma de acordos sobre o problema da auga en Vilaza para posibilitar a aprobación da solución no pleno do presente mes de novembro. A organización nacionalista considera que non se debe adiar máis o compromiso adquirido polo conxunto da corporación no debate da sesión plenaria de setembro.

A portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, insta ao Alcalde a convocar con urxencia unha nova reunión da Xunta de Portavoces, logo de que á convocada para o 24 de outubro non asistira o propio Ferreira. “Xa pasaron dúas semanas e aínda non volveu convocar ningunha outra”, indica. E engade que, se non hai proposta conxunta, o Bloque levará unha alternativa propia ao pleno porque “a veciñanza da parroquia de Vilaza agarda de nós solucións, non máis demoras”.

Dende o BNG solicitan que xa que se adiou a celebración do pleno da súa data habitual, por decisión caprichosa do Alcalde “con motivo da ponte festiva” da semana pasada, “fagamos o imposible para poñer en común as propostas de actuación que permitan rematar con dez anos de irregularidade na xestión e subministración da auga en Vilaza. É de Xustiza”.