O refuxio animal da Illa de Tali crece con 15 voluntarios

Natalia Rodríguez, “Tali”, segue fiel á súa vocación proporcionando todo tipo de coidados a cans (6), gatos (15), roedores (14), coellos (6), cabalos (5), unha ovella, cabras (4), porcos (3), un carneiro, aves (15), incluso algún que outro réptil (basislisco) ou tartarugas desde a súa illa en plena desembocadura do Miñor, que, como un arca, outorga unha segunda oportunidade a preto dunha centena de animais que por un motivo ou outro acaban desamparados. O seu contexto actual obrigoulle a adaptarse e é que desde a fundación do seu refuxio interespecie, alá por 2016, Tali, estivo á fronte de todo tan só apoiada pola súa familia. Non por obrigación senón por mera vontade, con todo, agora decidiuse a recorrer ao voluntariado para que a calidade dos coidados non cambien, as horas do día son as que son e entre traballo e estudos apenas queda tempo. Agora conta cunha quincena de persoas amigas que lle axudan a seguir adiante co seu proxecto varios días por semana e que segundo asegura veu para quedar. Non os considera meros traballadores, senón máis ben un equipo. “O meu obxectivo é que as xornadas se convertan en tardes divertidas, non de traballo. Somos unha piña, coñecémonos e pasamos moi bos momentos”, explica.

Cambios de rotación

Se hai un ano os animais que máis acollían eran roedores, esta tendencia deu un xiro e agora son cans. Tali considera que a crise ten moito que ver con isto porque a máis tamaño maior custo de manutención e mantemento. Polo momento teñen pechados os rescates porque están a modificar as instalacións.

Ademais do traballo de campo o ADN desta asociación interespecie existe un gran labor divulgativo. Tali asegura que hai un gran descoñecemento sobre como se debe de tratar a certos animais ou máis ben nas condicións que deben de estar no momento que alguén se decida a adoptar. E é que ademais de salvar vidas tamén ensinan as peculiaridades de cada un. No caso dos xerbos, hamsters, coellos ou cobaias a tendencia para crer que poden estar en gaiolas minúsculas lévaos a denegar as adopcións porque simplemente moitos dos candidatos non están dispostos a facer un desembolso maior ou porque noutros casos cren que se están levando un mero obxecto decorativo, un entretemento. “Para iso preferimos seguir facéndonos cargo nós, aconsellámoslles os mesmos receptáculos que utilizamos aquí, dun metro cadrado e moitos desisten”, sentenza. As cobaias ou os coellos atópanse no polo oposto, son animais gregarios que necesitan estar soltos e en grupo con outros da súa especie. “Teñen que seguir o seu instinto, no seu estado natural farían moitos quilómetros ao día e nun espazo como os que venden nas tendas de mascotas non máis de 500 metros. Isto é o que queremos ensinar”, reflexiona.

Precisamente, unha vez que fan a entrega das mascotas realizan un seguimento de todos e cada un deles, para asegurarse de que estean ben atendidos. Para Tali calquera axuda é ben recibida. “Hai miles de formas de axudar un animal, só con avisar dalgún caso en precario ou malos tratos xa están a achegar moitísimo. Nisto consiste todo”, remata.