
As parroquias da Unidade Pastoral Gondomar Centro uníronse este sábado para despedir ao que foi o seu párroco estes últimos once anos. Antes de comezar unha nova etapa como párroco de Santa María da Guarda, veciños e veciñas de Peitieiros, Mañufe, Donas e Gondomar xuntáronse na Igrexa de San Bieito para agradecer a Juan José González todo o seu traballo e dedicación. Foi párroco de Gondomar e Peitieiros once anos, oito en Mañufe e case catro en San Cibrán e Donas. Ás 19:30 horas celebrouse unha Eucaristía, e ao finalizar, todos os asistentes puideron gozar duns petiscos.
“Hoxe é un día de acción de grazas e de despedida para as nosas parroquias porque sentimos dalgunha maneira que unha parte importante delas vaise contigo. Non sei realmente se hai persoas imprescindibles, pero ti Juanjo, fúchelo dalgunha maneira durante este tempo que camiñaches connosco. Deixácheste querer e demostráchesnos que desde a túa capacidade de traballo incansable pódese construír e facer parroquia. Na nosa comunidade sempre serás un máis, unha persoa moi querida e apreciada esteas onde esteas. Nunca te esquezas que aquí deixas pegada, que aquí en Gondomar, hai cinco parroquias que che queren e que che botarán de menos”, destacou Sara Gaviño na súa intervención ao finalizar a Eucaristía.
“Grazas, a boca chea e desde o fondo do corazón. O cambio dun cura non ten por que ser borrón e conta nova, senón sinxelamente continuamos a nosa vida. Non quere dicir que teña que facer el o mesmo que eu facía, nin moito menos, porque cada mestriño ten o seu libriño. Que teñan todos moita saúde, da alma e do corpo evidentemente. Que todos camiñen na alegría e a esperanza. Que todo lles vaia ben, oxalá sexa así. Que todos progresemos. Que todos nos axudemos uns a outros. Os mellores desexos. Esperemos vernos no camiño da vida en calquera momento”, dixo un emocionado Juan José González.
Este domingo tomará posesión Víctor Bargiela como párroco de San Bieito de Gondomar, Santa Baia de Donas e o seu anexo, San Cibrán de Donas, San Vicente de Mañufe e San Miguel de Peitieiros.