Nigrán inicia co concerto de Chungo Pastel un convenio de actividades inclusivas coa Fundación IgualArte

O Concello de Nigrán inicia este domingo 6 de novembro co concerto de Chungo Pastel (19:00 horas-Auditorio Municipal) un convenio por valor de 5.000 € coa Fundación IgualArte que levará de aquí a finais de ano concertos, obradoiros e contacontos inclusivos a Nigrán. A Fundación IgualArte, con sede en Vigo, loita pola integración das persoas con diversidade funcional no campo artístico e o desenvolvemento das súas competencias creativas e expresivas, sendo a única de España dedicada ao desenvolvemento artístico destas persoas.

“Estamos especialmente orgullosos de traer a Nigrán aos artistas de IgualArte e as súas actividades inclusivas para que as nosas familias se sumen e, adicionalmente, reciban leccións de vida, solidariedade e respecto”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que, na súa maioría, se trata de actividades que abranguen a toda a familia e non só ao menor.

Así, o concerto rock de Chungo Pastel este domingo, o concerto De Tapas (Auditorio, 4 de decembro-12:00 horas), o contacontos de 5 a 8 anos (Biblioteca, 10 de decembro-17:00 horas) ou obradoiro de animación musical (Auditorio, 20 de novembro-17:30 horas) son con entrada libre ata completar o aforo. Pola súa banda, os obradoiros de pasta de sal o 28 de novembro e o obradoiro de cociña do 30 de novembro (ambos no CEIP Humberto Juanes de 17:30 horas a 19:00 para nenos de 5 a 8 anos e de 19:00 a 20:30 para nenos de 9 a 12 anos) desenvólvense en quendas de 15/20 minutos segundo orde de chegada. Finalmente, para o obradoiro de primeira infancia (Biblioteca, 17 de decembro-bebés de ata 2 anos ás 17:00 e nenos de 2 a 5 anos ás 18:30 horas) é imprescindible inscrición previa no formulario web en http://www.nigran.es, estando destinado só a nenos empadroados.

Chungo Pastel

O grupo de rock, que colaborou con Antonio Orozco, Dakidarría, Ganjahr, Xermán Bugallo ou Wöyza, fará unha versión de cancións actuais e mostrará as creacións dos seus cinco integrantes, persoas con diversidade funcional que tocarán “a ritmo do pop rock máis cañeiro” e defenderán que a arte é de todos.