
Oito escolares do CEP Neira Vilas de Gondomar, de idades comprendidas entre os 8 e 12 anos de idade, tiveron que ser desaloxados este mediodía do autobús que os levaba a casa tras as clases, despois de sufrir un incendio que o calcinou practicamente por completo.
Segundo informaron fontes próximas, os feitos sucederon ao redor das 15:00 horas á altura do número 31 do lugar de Vilas, na parroquia de Morgadáns, cando o transporte fixo unha parada despois de que a coidadora vise un can abandonado. Curiosamente o único ferido leve no sinistro non ía no bus. Trátase dun neno de catro anos de idade que residía na vivenda contra a que o vehículo acabou encaixado despois de que lle fallasen os freos por mor das chamas. Como consecuencia do impacto tirou parcialmente o muro da propiedade e o lume alcanzou parte das dúas xanelas da fachada e as súas contras. Desde a xefatura indican que o pequeno comezou a sentir náuseas presumiblemente por estar demasiado tempo exposto na zona. Aínda que non presentaba síntomas de gravidade foi trasladado a un centro hospitalario de referencia por precaución, mentres que os nenos que ían no autobús resultaron ilesos.
A rápida intervención da condutora e da coidadora dos pequenos evitou males maiores, nada máis declararse o incendio os nenos foron sacados un a un do bus e levados a lugar seguro, e ao pouco intre foron recollidos in situ polos seus pais que non cabían no seu asombro. Con todo o bus non correu a mesma sorte, o GES precisou que o lume se declarou na parte baixa do motor e estendeuse rapidamente cara atrás, os intentos da condutora foron inútiles e tras baleirar dous extintores de po o lume volveu avivarse afectando a un 80% da carrocería. O feito de que o incidente se declarase na zona máis afastada da cobertura do GES motivou que os dous únicos bombeiros de garda tardasen en chegar 25 minutos, tempo suficiente para que o vehículo acabase convertido nun amasillo de ferros.
Afortunadamente todo quedou nun susto, mentres os efectivos da Policía Local e Garda Civil encargáronse de manter o perímetro de seguridade na zona, os bombeiros centráronse en sufocar as chamas e de limpar todos os aceites e líquidos vertidos polo motor na calzada.