Concello de Gondomar e Universidade de Vigo organizan tres seminarios para maiores

O Concello de Gondomar e a Universidade de Vigo, dentro da súa aula para maiores de 55 anos, organizan durante este mes de novembro tres interesantes seminarios gratuítos. O primeiro deles terá lugar os días 7 e 8 de novembro, e baixo o título “Arte e Historia” será impartido por Elisa Pereira García, profesora da Universidade de Vigo, e tratará diferentes aspectos do patrimonio histórico do Concello de Gondomar, sendo a primeira xornada teórica e a segunda práctica cunha visita a diferentes lugares da vila cun alto valor patrimonial e histórico.

Os días 9 e 10 de novembro e co título “Saúde e Benestar” a profesora titular da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte da Universidade de Vigo, Águeda Gutiérrez, e Raúl Sánchez, licenciado en ciencias da actividade física e posgrado en exercicio preventivo en pacientes con patoloxías crónicas, iniciarán este segundo seminario cunha xornada teórica titulada “Contorna natural, alimentación e saúde” na que darán diferentes consellos e pautas para levar unha vida máis saudable. Na segunda xornada os participantes levarán a cabo unha ruta cardio-saudable pola contorna do río.

O terceiro seminario, os días 14 e 15 de novembro, denominado “Factura e aforro no subministro eléctrico”, correrá a cargo de Jose Antonio Alonso Rodríguez, profesor titular na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, e nela analizaranse diferentes aspectos do mercado eléctrico, así como a correcta interpretación das facturas. Na segunda xornada os participantes poderán analizar de forma práctica os seus propios contratos e facturas do subministro eléctrico.

Os seminarios son totalmente gratuítos. Os seminarios 1 e 2 terán lugar no Centro Neural (Policía Local) e o 3 no hall do Auditorio Municipal Lois Tobío. Inscricións no correo alcaldia@concellodegondomar.gal ou no teléfono 986360125.