Un centenar de maiores pasan o Nadal na residencia de tempo libre de Panxón

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o alcalde de Nigrán, Juan González, salientou hoxe a aposta da Xunta de Galicia por un programa de lecer seguro e activo a través da iniciativa Xuntos polo Nadal, que este ano se volve levar a cabo nas residencias de tempo libre do Carballiño e Panxón. Ata esta última, situada no concello de Nigrán, achegouse esta mañá para visitar os participantes desta segunda quenda.

Fernando González Abeijón lembrou que a Consellería de Política Social retomou este programa logo de ter que suspendelo o ano pasado por mor da pandemia. A vacinación permitiu recuperar este ano unha iniciativa que busca ofrecer unha alternativa de ocio para as persoas maiores que non teñen con quen pasar estas datas. Para garantir a seguridade de todos os participantes, que debían contar coa pauta completa de vacinación, realizáronse PCRs previa á súa entrada na residencia e establecéronse dúas quendas de participación para evitar aglomeracións.

Completamente gratuíto

Nesta segunda quenda, que se está a celebrar estes días, participarán preto dun cento de persoas, que pasarán desde o 31 de decembro ata o 7 de xaneiro nunha das dúas instalacións autonómicas habilitadas. Todas elas están a desfrutar, ademais, por primeira vez deste programa de xeito 100% gratuíto. Así, as persoas maiores non terán que pagar nin pola estadía en pensión completa nin pola realización das actividades planificadas.