Vithas Vigo colabora coa X Carreira Solidaria contra a Esclerose Múltiple

O Hospital Vithas Vigo colaborou coa Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) na X Carreira Solidaria contra a Esclerose Múltiple que este domingo se disputou en Bouzas, por vez primeira desde o confinamento, con máis de 1.100 participantes, que sumados aos da carreira virtual, superan as 1.500 inscricións.

A esclerose múltiple é unha enfermidade desmielizante crónica, autoinmune e dexenerativa do sistema nervioso central e segundo datos de AVEMPO afecta, en Galicia, a aproximadamente 3.700 persoas e a 55.000 en toda España. É a segunda causa de discapacidade neurolóxica en adultos novos.

O neurólogo do Hospital Vithas Vigo, Dr. Javier Castro Dono, explica que esta enfermidade adoita cursar en forma de brotes con manifestacións clínicas variables: perda de visión nun ollo (o que se coñece como neuritis óptica), alteracións na sensibilidade en parte do corpo, perda de forza, alteracións no equilibrio, entre outros.

Os síntomas son máis frecuentes en mulleres e adoitan debutar entre os 20 e os 40 anos. É fundamental o diagnóstico precoz con vistas a individualizar o tratamento de fondo máis axeitado, e desta forma atrasar a discapacidade. Pódese dicir que o tratamento desta enfermidade é a parte da Neuroloxía que máis está a avanzar nos últimos anos.

A X carreira solidaria contra a esclerose múltiple, disputada baixo o lema “eu móvome”, disputouse en catro modalidades: virtual, como en 2020 e 2021; de cinco e de dez quilómetros competitivos; e unha andaina de 5 quilómetros de carácter non competitivo. O percorrido cinguiuse a varias rúas de Bouzas con chegada e saída desde a Alameda Suárez Llanos.