
O próximo 25 e 26 de febreiro na Praia de Patos (Nigrán) celebrarase a primeira proba da Liga Galega de Surf Júnior e Grom, na que competirán só as categorías Sub 16, Sub 18 e Sub 21. As categorías Grom estarán en Murcia competindo na primeira proba da liga española a Fesurfing Junior Series Kids 2022. A coincidencia de ambas as dúas probas esta fin de semana provocou este desdobramento de categorías, e con total probabilidade a fin de semana do 5 e 6 de marzo competirán en Patos as categorías Grom: Sub 10 e Sub 12 mixto e Sub 14 masculino e feminino.
Esta primeira proba da Liga Galega de Surf Júnior e Grom trae como novidade a incorporación de dúas novas categorías Sub 21 e Sub 10 Mixto. A previsión de ondas para esta fin de semana é boa e por iso espérase ver un alto nivel na competición das categorías júnior. Ademais desde a praia de Patos seguirase con especial atención a competición dos Grom en Mazarrón, Murcia.
O evento está organizado pola Federación Galega de Surf e Bodyboard, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán. Ademais, a proba conta co apoio dos patrocinadores Alumisel, Agua Sana e Clínica Dental Fontán & DeBrito, e coa colaboración especial de Waira Surf, We are Walcott, Xunta de Galicia e Deporte Galego.
Este ano parece que se recupera a normalidade da competición aínda que se seguirá mantendo o protocolo Covid-19 para garantir a seguridade de todos os participantes e asistentes.