A caída dun raio nunha casa en Gondomar provoca diversos danos materiais

A caída dun raio provocou danos na instalación eléctrica dunha vivenda no concello de Gondomar. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida. Foron os efectivos do GES de Val Miñor os que chamaron ao 112 Galicia ás 10:00 horas da mañá de hoxe para informar da situación. Durante a súa comunicación cos xestores de emerxencias, indicaron que foron requiridos polos axentes da Policía Local por mor dun raio que caeu nunha casa localizada na PO-341, na parroquia de Chaín.

Segundo a información facilitada polo equipo de intervención ao 112, a instalación eléctrica da vivenda foi afectada, o que resultou en plásticos, interruptores e lámpadas danadas. Así, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do persoal dos axentes da Garda Civil e, ademais, pasaron aviso aos Bombeiros do Baixo Miño, por se fose necesaria a súa colaboración.