Nigrán reúne toda a súa actividade de música na vella biblioteca

O Concello de Nigrán dá o seu primeiro gran paso para contar cunha verdadeira Escola Municipal de Música establecendo a sede na vella Biblioteca do Ceán. Alí, unha vez realizado o traslado de libros, os 80 alumnos matriculados na actividade de Guitarra, Violín, Piano e Linguaxe Musical reciben xa desde esta semana as clases de mans dos dous profesores do Concello, Manuel Cebrián e Olga García. Deste xeito, por vez primeira se centraliza a ensinanza musical nun edificio propio (ata agora se distribuían en diferentes espazos municipais). O obxectivo do goberno local é ir ampliando nos sucesivos cursos especialidades, incorporar “Música e Movemento” para nenos e actividades de conxunto, requirimentos básicos para poder constituírse como Escola Municipal de Música homologada.

O edificio do Ceán adáptase á perfección a esta nova función e non precisa unha gran reforma, se ben durante as vacacións do verán o Concello aproveitará para insonorizar mellor o espazo ou cambiar algunhas xanelas. “É o sitio idóneo, un edificio histórico en Nigrán que antes de ser biblioteca foi Casa Consistorial, céntrico e con capacidade para medrar como Escola Municipal de Música”, explica González.

O Concello investiu no ano 2020 un total de 9.500 € na compra dun piano de cola para poder incorporar este instrumento á oferta municipal e a maiores incluíu tamén “Linguaxe Musical” para todo o alumnado. Unha das novidades deste curso é a adquisición dun piano eléctrico por 2.500 € para así destinar o de cola do Auditorio a concertos ou clases máis avanzadas. “Agora seguiremos dando pasos para aumentar nos sucesivos cursos profesorado que permita ampliar toda a nosa oferta e acadar a condición de Escola Municipal de Música regrada”, explica o alcalde, Juan González. “Supón un salto en calidade importante porque o obxectivo vai máis alá de ser unha actividade cultural. Queremos dar a nosa veciñanza a posibilidade de formarse nun instrumento mediante unha escola pública para todos”, resume o rexedor.

“Cada vez hai máis persoas interesadas en formarse nun instrumento e desde o Concello consideramos que é unha obriga das administracións facilitar o acceso á música, tal e como xa se fai co deporte ou coas bibliotecas, por iso cremos nese proxecto”, explica González, quen incide en que nunha Escola Municipal se pode impartir ensinanza musical regrada e non profesional como xa se fai en outros municipios con gran éxito, “é algo máis que recibir clases, trátase dunha formación integral básica que axuda a desenvolver as capacidades creativas de cada quen e a súa sensibilidade”.

Así, as Escolas de Música cumpren unha valiosa función social, formativa e cultural e teñen un carácter esencialmente práctico desde idades moi temperás, podéndose adaptar ás posibilidades e recursos de cada municipio. “O certo é que estas escolas configúranse como centros formativos e de difusión cultural de gran calado e excelente acollida entre a poboación, así que temos claro que ese é o noso obxectivo”, conclúe.