Unha vintena de mulleres de Baiona avanzan na súa dixitalización

A dixitalización e a ruptura da fenda de xénero é un dos eixos nos que se apontoa o programa “Galegas Dixitais”, que hoxe se clausurou no Multiusos Ángel Bedriñana de Baiona. Ata alí achegouse para acudir ao acto de clausura da formación a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, e para facer entrega do ordenador portátil co que as participantes poderán poñer en práctica o aprendido. O programa ofreceu un itinerario formativo deseñado para ir avanzando desde un nivel básico ata un máis avanzado, de 40 horas cada módulo. Ademais, incluíuse un módulo transversal sobre igualdade de oportunidades.

A Concelleira desexoulles ás mulleres participantes “que esta formación sexa unha oportunidade para poder coller ferramentas que vos permitan adaptarvos a un mundo cada vez máis dixitalizado. Tamén que estes novos coñecementos vos permitan optar a unas ofertas de traballo de máis calidade”. A acción formativa “Galegas Dixitais” é un programa de formación para a dixitalización das mulleres, co que colaborou a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona. Desde a Concellería xa se traballa para tentar poñer en marcha una nova edición desta formación a comezos do vindeiro ano do que se poderán beneficiar outras tantas veciñas do municipio.

O programa, organizado por Beproyect Consultores e Ara Formación, está financiado polos Fondos europeos Next Generation EU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Educación e Educación Profesional. O principal obxectivo é mellorar as capacidades dixitais de mulleres que se atopan en situación de desemprego ou en mellora de emprego. Preténdese favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero.

A formación estivo agrupada nos seguintes bloques temáticos: competencias dixitais básicas con 40 horas de duración; competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración; e competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración. O programa desenvolveuse dende o luns 12 de setembro ata o 21 de outubro de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes foron obsequiadas cun ordenador portátil co que poderán poñer en práctica o aprendido.