Baiona pon en marcha unha nova canle de información municipal vía WhatsApp

O Concello de Baiona pon en marcha un novo servizo de información municipal vía Whatsapp, “Baiona ao día”. Así, a veciñanza dispoñerá dunha nova canle de comunicación que lle permitirá estar informada de todo o que ocorre na vila a través do seu móbil e de xeito instantáneo. Con este novo servizo, os veciños e veciñas poderán coñecer as últimas novidades sobre a actividade municipal, axenda cultural, obras, avisos urxentes e outras noticias e informacións de interese.

“Con esta nova canle, damos un novo paso para axilizar, dinamizar e garantir unha correcta información aos veciños e veciñas”, explica o alcalde de Baiona, Carlos Gómez. O servizo consiste nunha lista de difusión, non é un grupo no servizo de mensaxería, polo que os usuarios non terán acceso aos datos ou información do resto dos rexistrados na canle de WhatsApp.

Para acceder a esta canle de WhatsApp do Concello de Baiona, só hai que agregar á axenda de contactos o número de teléfono 620 914 843 e enviar unha mensaxe coa palabra ALTA.