A CEMMA ofrece unha charla online polo Día da Balea

FOTO: CEMMA // Avistamento de Balea común, "Balaenoptera physalus" na plataforma de Galicia.

O 21 de outubro de 1985 cazouse por derradeira vez unha balea en Galicia. CEMMA quere aproveitar esa data para propoñer o 21 de outubro como Día da Balea, coa intención de celebrar o día no que decidimos a paz coas baleas, a riqueza de especies de cetáceos que temos nas nosas augas e a necesidade de seguir traballando para a súa conservación-, mais tamén aproveitar para lembrar unha época da nosa historia que, queiramos ou non, non pode quedar borrada.

Nesta ocasión para a conmemoración deste ano contarán coa realización dunha charla on line centrada no momento do final da caza. O venres 21, ás 20:00 horas, contarán cunha charla on line impartida por Xosé Manuel Penas Patiño e Xan Rodríguez Silvar, membros da Sociedade Galega de Historia Natural, que, baixo o título “O final da caza de baleas”, falarán dese momento da fin da caza, da importancia do movemento ecoloxista a nivel local naquela época dos anos 80, dos labores de sensibilización social e das circunstancias socio-políticas que permitiron dar ese paso.

O ciclo de conferencias forma parte do proxecto REVARGAL que conta co apoio da Fundación Biodiversidad.