A biotecnoloxía e as súas aplicacións na vida cotiá protagonistas da segunda xornada do Blue Atlantic Forum

A II edición do BLUE ATLANTIC FORUM remata este venres no Parador de Baiona, tras tres xornadas de reflexión centradas en sectores de vital importancia na economía azul e claves para o desenvolvemento sostible de Galicia: a pesca e a acuicultura, a biotecnoloxía mariña e o turismo costeiro.

Na segunda sesión do foro, este xoves falouse de biotecnoloxía mariña e das súas aplicacións no control de toxinas e contaminantes. Un sector emerxente e con grandes oportunidades para a economía galega, con máis de 150 empresas, e sendo a única comunidade con estratexia propia para o sector, segundo salientou o moderador da xornada Julio Martínez, Project Manager de Bioga, o clúster tecnolóxico empresarial das ciencias da vida de Galicia. Empresas como Cifga, un laboratorio de biotoxinas situado en Lugo dedicado ao cultivo de microalgas e fungos para a extracción de compostos naturais, ou entidades como Anfaco desde a súa área de biotecnoloxía e saúde, presentaron o traballo que realizan no sector.

No Blue Atlantic Forum debateuse sobre o potencial das rías galegas neste eido, coa presenza de diversos exemplos de aplicacións na vida cotiá, e innovación no sector, como o primeiro abono orgánico a partir de cuncha de mexillón con poder encalante presentado por Ecocelta, ou o proxecto de Bio Marine Oil, unha start-up biolóxica que traballa para converter residuos e descartes mariños en aditivos útiles para empresas de acuicultura.

O turismo de costa, do que Galicia é un referente azul grazas á súa peculiar hidrografía e espectaculares paisaxes, é o protagonista da xornada de clausura do foro. Varios expertos aportarán a súa visión para facer máis atractivos os destinos costeiros, innovando mantendo a sustentabilidade e debatendo se a sobreexplotación dalgúns destinos xa é un fenómeno irremediable.

Grazas á organización desta segunda edición, financiada polo Galp Ría de Vigo-A Guarda, o Concello de Baiona reforza a súa posición como destino azul por excelencia dentro do panorama autonómico e nacional, tanto pola súa situación xeográfica como pola súa importancia económica das empresas dos sectores consolidados e emerxentes da economía azul na súa contorna.

O foro está aberto e a inscrición para seguilo tanto presencialmente como online é gratuíta para os interesados, que poden inscribirse a través de Ataquilla, xa que as prazas para acudir ao Parador son limitadas. Toda a información sobre o contido e o programa do foro pódese atopar na páxina web https://blueatlanticforum.org/.