170 pediatras e enfermeiras de pediatría debaterán no Cunqueiro sobre temas de actualidade da súa especialidade

Un total de 130 pediatras, de atención primaria e hospitalaria, e 40 enfermeiras de Pediatría se reunirán no hospital Álvaro Cunqueiro no 72 congreso da Sociedad de Pediatría de Galicia (SOPEGA) os próximos días 21 e 22 de outubro. Segundo a presidenta do comité organizador, a doutora Ana Concheiro, “o obxectivo deste encontro é actualizar e compartir coñecementos, e estreitar lazos de colaboración coa finalidade de mellorar a asistencia aos nosos pacientes e a súa calidade de vida”.

Este ano, a xornada presenta unha gran novidade: por primeira vez participa o persoal de enfermaría pediátrica. “Trátase do primeiro congreso de SOPEGA no que participa a enfermaría, máis de 40 profesionais, e cremos que é algo moi interesante e enriquecedor xa que, sen dúbida o papel da enfermaría é incuestionable e fundamental en calquera procedemento pediátrico”.

Coidados paliativos e patoloxía psiquiátrica

O programa a desenvolver versará sobre dous grandes temas, de máxima actualidade: os coidados paliativos pediátricos e a patoloxía psiquiátrica infantil. Precisamente, a conferencia inaugural será impartida polo xefe de sección da Atención Integral paliativa pediátrica do Hospital Infantil Niño Jesús de Madrid, Ricardo Martino, que versará sobre “Fotografía actual de los cuidados paliativos pediátricos”.

En relación coa saúde mental infanto xuvenil, tres especialistas en Psiquiatría Infanto-xuvenil e Pediatría falarán sobre os trastornos da alimentación e outras patoloxías prevalentes na infancia e adolescencia. Outra mesa redonda tratará sobre o seguimento dos nenos prematuros e a transición a idade adulta dos pacientes pediátricos con enfermidades crónicas.

Ademais, vanse presentar 113 comunicacións científicas por parte dos profesionais dos servizos de Pediatría dos diferentes hospitais e centros de saúde da nosa comunidade.

Obradoiros prácticos

Nesta xornada desenvolveranse 4 obradoiros especializados sobre diferentes temas: ecografía pediátrica; satura cirúrxica; ortopedia e traumatoloxía e procedementos en enfermaría pediátrica. Para impartir estas sesións prácticas contarase coa colaboración doutros especialistas do Chuvi, dos servizos de traumatoloxía, intensivos pediátricos, cirurxía pediátrica e enfermaría materno infantil.

No transcurso do congreso farase un recoñecemento á ONG Ayuvi polo seu labor en prol das nais con fillos ata os 3 anos en risco de exclusión social.