
A Patrulla do Seprona (Servizo de Protección da Natureza) da Garda Civil de Pontevedra investigou penalmente a dúas persoas ambos de 27 anos de idade e veciños da Lama, como supostos autores dun delito contra a protección da flora e a fauna. Aos dous atribúeselles a presunta responsabilidade no envelenamento do cadáver dunha cabra, localizada nunha zona boscosa da Lama. Tras o visionado dunha cámara de fototrampeo previamente colocada no lugar, esta mostra un vehículo todoterreo arrastrando un animal, polo que, procédese á procura do mesmo, sendo localizado por vixiantes de Recursos Naturais, e recollido posteriormente por Axentes Ambientais da Xunta de Galicia. A cabra presenta distintos cortes por todo o corpo, polos que se sospeita, que puidese introducirse veleno.
Unha vez analizado o cadáver polo laboratorio de referencia, determínase que contén un tóxico denominado “fenamifos”. Este principio activo atópase na composición de dous produtos, catalogados como tóxicos, e son mortais por inhalación ou por inxestión, e a súa comercialización está prohibida na Unión Europea desde o 23/09/2021. Á vista das imaxes recibidas e o resultado da análise do animal, realízanse xestións para a localización dos supostos autores, resultando ser dous veciños da Lama, ambos de 27 anos de idade, como autores dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, recollido no artigo 336 do Código penal.
É de resaltar que a zona boscosa onde se atopou o animal envelenado, trátase dun hábitat no que se ten documentado a presenza do lobo, e que o arrastre do animal morto varios quilómetros por unha pista, ten como obxecto deixar un rastro que estimule o instinto depredador do lobo, e desta forma eliminar exemplares desta especie. A estreita colaboración entra a Conselllería de Medio Ambiente e o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil de Pontevedra, deu como resultado o esclarecemento deste delito contra a protección da flora e a fauna. As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Garda de Pontevedra.