O Novembro Lila de Baiona terá acento francés

A Concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira Costas, xunto coa directora do Centro de Información á Muller de Baiona, Elena Otero Rodríguez, trasladáronse ata o municipio irmán de Pornic para manter varias reunións de traballo coas súas homólogas francesas co fin de promover o intercambio de experiencias no ámbito da igualdade entre ambos os dous consistorios irmáns, todo iso enmarcado nos actos do 25 Aniversario do Irmandamento de Baiona con Pornic. Moreira Costas y Otero Rodríguez o primeiro dos días reuníronse con Marie-Paul Marié e Florence Gendrot, concelleiras francesas, xunto coa presidenta da Asociación do Irmandamento “Jumelage”, Marie-Agnès Morice.

Na reunión falouse sobre a estrutura administrativa de cada país e como actúan todos os axentes implicados na loita contra a violencia de xénero e a protección dos dereitos da muller e da infancia. A delegación baionesa de igualdade levou tamén mostras do traballo feito nesta área, afondando nos programas de activación laboral de mulleres, puntos de información violeta, programación do Novembro Lila e Primavera Lila, etc. Tratouse dunha reunión moi interesante onde puideron reflexionar sobre como traballan no país veciño e unha oportunidade moi valiosa para tecer lazos e traballar en proxectos comúns no futuro. Ademais, na reunión de traballo tamén participaron Irene Silva, artista baionesa, e Fabbienne Alliou Lucas e Brigitte Darras dit “Bivan”, artistas francesas que van a implicarse no proxecto co seu traballo, así como outras persoas representantes da asociación do “Jumelage”.

Na segunda xornada de traballo, afondáronse aspectos técnicos da exposición do Novembro Lila (programa de actividades entorno á data do Día Internacional contra a Violencia Machista, que se conmemora o 25 de novembro, e que está organizado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller) na que este ano vaise aproveitar o aniversario do irmandamento con Pornic para abrir o círculo e integrar a mirada de artistas francesas, as cales formarán parte da programación, non só expoñendo as súas pezas, senón que tamén dirixirán obradoiros para o alumnado de diversos centros educativos de Baiona. Así mesmo, falouse tamén sobre varias ideas a levar a cabo en conxunto, poñendo o foco na xuventude e nas novas ameazas ás que se afrontan. Foi unha xuntanza moi ilusionante que asentou as bases para construír futuros proxectos a nivel europeo que se irán conformando nos vindeiros meses. Esta exposición é o primeiro e modesto paso dun traballo no marco do irmandamento que acaba de comezar.

Este mesmo día, pola tarde, a delegación baionesa de igualdade visitou o obradoiro de Anne Malgogne Dumesnil “Amadu”, que creou oito pezas exclusivamente para unha exposición que formará parte do Novembro Lila. Tamén asistiron á exposición de Fabienne na Maison du Chapitre, unha mostra recollía imaxes de máis de corenta granxas de Pornic e das persoas que as rexentan.