O CEIP Humberto Juanes recibe á medallista Susana Rodríguez Gacio

O alcalde de Nigrán, Juan González, deu a benvida na mañá deste luns á gran medallista olímpica Susana Rodríguez Gacio, quen ofreceu no Auditorio Municipal unha charla dirixida a alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria do CEIP Humberto Juanes encadrada no proxecto educativo do centro sobre traballo cooperativo e de integración. Posteriormente, a campioa paralímpica de tríatlon adaptado (Tokio, 2021) e médica especialista en medicina física e rehabilitación dirixiuse ao colexio como invitada estrela da Radio Vilameán para ser entrevistada polos estudantes. Gacio amosou orgullosa a medalla de ouro ao público presente e recibiu de mans do alcalde un agasallo da marca de roupa inclusiva Juanmariabylolola. “É unha honra recibir no Concello a Susana, exemplo de deportista pero, sobre todo, exemplo de vida e do noso Nigrán para todos que tanto buscamos”, resume González.

“O único camiño para conseguir metas é o traballo constante e sen escusas, na vida ninguén regala nada. Hai que ser como formiguiñas”, aconsellou aos pequenos ao tempo que os animou a elixir un deporte e practicalo. “Hai mil, tedes que buscar o que vos gusta. É algo beneficioso fisicamente pero tamén nos ensina valores como o esforzo, a disciplina e o respecto”. A tenor disto, Gacio considera que para as persoas con discapacidade (ela naceu con albinismo e practicamente non ten visión) “o deporte adaptado é un deporte de equipo”, e nese sentido explicou como traballa coas súas guías, o apoio que lle brinda a tecnoloxía no seu día a día ou a axuda do seu can guía Yellow.

Gacio, acompañada da súa nai Berta, quen foi profesora durante 19 anos no CEIP da Cruz de Camos, confesou que ter realizado Medicina foi a materialización dun soño, o mesmo que ser gañadora olímpica. “O máis emocionante desa medalla é todo o traballo que leva detrás”, confesou aínda emocionada mentres amosaba o metal dourado.