Dous terceiros postos para o Turonia GFG no Pan-Europeo

Este pasado sábado os dous equipos (masculino e feminino) do Turonia GFG desprazáronse até A Coruña para disputar a fase final do Pan-Europeo de clubs, organizado polo club local Os Fillos de Breogán en colaboración coa GAA (Gaelic Athletic Association) e a GGE (Gaelic Games Europe). Neste torneo disputáronse distintos niveis de competición: Sénior, Intermediate A, Intermediate B e Júnior en categoría masculina e Sénior e Intermediate na feminina.

Pola parte masculina o Turonia disputou o nivel Intermediate B (Terceira División), enfrontándose no seu grupo á amalgama Varsovia (Polonia)/Nantes (Francia), ao Lazio (Italia) e ao Auriense (Ourense), acadando neste grupo o primeiro posto e ficando imbatidos. No outro grupo estaban o Brest (Francia), Irmandinhos (A Estrada), Jersey (Reino Unido) e a amalgama Lume de Beltaine (Poio) con Independente (Vigo). Deste grupo ficou primeiro Irmandinhos e segundo o Brest, equipa coa que os de Gondomar tiveron que disputar a semifinal, nun igualado partido que se declinou para os franceses logo da prórroga nos penais. Desta maneira, disputaron o terceiro posto contra o Warsovia/Nantes. Desta vez vitoria para o Turonia. O campión foi os Irmandinhos da Estrada.

Pola parte feminina as rapazas do Turonia disputaron o nivel Sénior (Primeira División) amalgamadas en dous equipos con outros dous clubs, os Madrid Harps e o Independente de Vigo. No seu grupo estaban os seguintes equipos: Belgium (Bélxica), Estrela Vermelha (Santiago de Compostela), Valencia (España) e Varsovia (Polonia). As dúas amalgamas disputaron un bo torneo, ficando Turonia/Madrid terceiras do absoluto e Turonia/Independente campioas do Shield (fase de consolación das perdedoras da fase de liguiña). As campioas deste nivel foi o Belgium.

“Por parte do noso club non podemos estar máis orgullosos da representación que alí enviamos e que nos fai medrar como club e como deportistas, aprendendo dos mellores clubs e xogadores de Europa”, sinalan desde o Turonia.

Os campións do nivel Sénior masculino foron os Madrid Harps.
Os campións do nivel Intermedite A masculino foi o Nantes.
Os campións do nivel Internediate Júnior foi o Jersey.
As campioas do nivel Intermediate feminino foi Belgium.