A Xunta inviste medio millón de euros no bloque cirúrxico do Meixoeiro

A Xunta de Galicia vén de adxudicar unha ducia de mesas cirúrxicas móbiles, destinadas ao bloque cirúrxico do hospital Meixoeiro, por un importe de 494.437,94 euros. Con este contrato, financiado pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia, a Xunta busca substituír os equipos con máis de 15 anos de antigüidade.

Así, as novas mesas contan cunhas características que garanten a máxima confortabilidade e seguridade tanto para os pacientes como para o persoal. Os seus parámetros físicos de funcionamento e capacidades técnicas permiten configurar o maior número de posicións cirúrxicas posibles con maior confort para os pacientes e os profesionais á hora de realizar unha cirurxía ou exploración. Neste senso, as mesas contan con maior número de seccións e de articulacións motorizadas; maior rango de altura e ángulo de inclinación; así como máis anchura do taboleiro e grosor do colchón.

Ademais, inclúen un sistema de sensores que evita colisións durante os movementos; un sistema de auto nivelación, e un sistema de iluminación de seguridade baixo a mesa que alerta do estado da mesma, se está freada ou non. A nova dotación tamén cubre as necesidades e características do servizo destinatario do equipo, atendendo a aspectos como a facilidade do seu manexo e da súa limpeza mediante a posibilidade de activación dunha posición específica para realizala.