
Neste mes de outubro se cumpren 86 anos do asasinato dos veciños de Sabarís Ventura Pérez, Dolores Samuelle Álvarez e os irmáns Luis e José López Luis, “Os Ineses”, en mans da represión franquista na mañá do 13 de outubro de 1936. Cúmprese tamén un novo cabodano da execución de nove veciños do Val Miñor acaecida días despois, na madrugada do 16 de outubro, no lugar de Baiona que agora os lembra, A Volta dos Nove.
En honor á memoria destes veciños e veciñas da nosa bisbarra, o Instituto de Estudos Miñoráns, xunto cos Concellos de Baiona e Nigrán, convocaron unha serie de homenaxes que tiveron lugar este sábado. O programa comezou ás 11:00 da mañá cunha visita á tumba dos “Ineses” no cemiterio de Sabarís, que comparten con Dolores Samuelle. A continuación realizouse unha ofrenda floral no cemiterio de Baiona e no monumento á memoria dos Nove na curva da Bombardeira, obra do artista Fernando Casás inaugurada hai 17 anos, o 15 de outubro de 2005, e outra no xardín da memoria situado diante do Pavillón de Panxón, inaugurado no 2016.
Nos actos interviñeron Xosé Lois Vilar Pedreira (IEM), Martina Sanromán, Aldo da Graza (bisneto dun dos asasinados) e Juan González Pérez (Alcalde de Nigrán).
O asasinato dos Nove
O asasinato dos nove traballadores foi un acto de vinganza das forzas represivas trala morte do falanxista Luis Refojo, ocorrida en Sabarís, a tarde anterior das execucións. Refojo formaba parte dunha partida que ingresou a tiros nunha vivenda ocupada por un home cego (Ventura Pérez), unha muller de 71 anos (Dolores Samuelle Álvarez, “Perfecta”, que traballaba como doméstica) e os irmáns Luis e José López Luis, “Os Ineses”, fuxidos dos represores, un deles co cargo de ter sido tenente de alcalde de Baiona durante a República. Unha vez asasinados os ocupantes da casa, os falanxistas decidiron marchar cara as cadeas de Vigo en busca de presos políticos sobre os cales descargar a súa ira pola morte do camarada.
Primeiro chegaron á cadea de Vigo, alí non lle deixaron coller a ninguén, logo foron ao frontón da rúa María Berdiales que servía tamén de cadea. Meteron nove homes nunha camioneta e dirixíronse cara a Baiona. As testemuñas discrepan na hora na que os levaron a Baiona. En todo caso na madrugada do 16 de outubro, sobre a unha da madrugada nove veciños do Val Miñor foron asasinados á altura do quilómetro 58 de estrada Pontevedra-Camposancos
Os Nove
• Manuel Aballe Domínguez, mariñeiro de Panxón, de 41 anos. Fillo de Modesto Aballe Macaya e de Benita Dominguez Salgueiro. Casado con Antonia Rial Veiro, deixou dous fillos menores: Eugenio e Víctor.
• Felicísimo Antonio Pérez Pérez, mariñeiro de Panxón, 44 anos. Fillo de Antonio Pérez Dominguez e de Rosa Pérez. Casado, sen fillos.
• Elías Alejandro Gonda Alonso “O Ghonda”, labrador, de 36 anos, veciño de Santa Cristina da Ramallosa. Fillo de Ascensión Gonda Alonso. Casado cunha moza de Sabarís, Angelina Veiga Ríos, deixou tres fillos menores: Isabel, Carmen e Manuel.
• Manuel Francisco Lijó Pérez “O Lijó” de 34 anos, natural de Corrubedo (Ribeira) aínda que vivía e traballaba como mariñeiro no barrio do Burgo (Baíña). Fillo de Francisco Lijó Oliveira e de Ramona Pérez Gonda, estaba casado con Eugenia Mijón Durán, veciña de Baiona. Deixaría orfos a cinco fillos menores de idade: Mercedes, Manuela, Maximino, Oto e máis Eva.
• Modesto Fernández Rodríguez “O Rei Chiquito”, 47 anos, mariñeiro, veciño de Panxón, fillo de José Fernández e Dolores Rodríguez. Traballaba como mariñeiro. Do seu matrimonio con Rosalia Rodríguez Iglesias deixaría seis fillos menores: Gloria, Lidia, Juan, Enriqueta, Jaime e Álvaro.
• Fidel Leyenda Rodríguez “Tío Félix”, de 51 anos, mariñeiro de Baiona. Fillo de Eulogio Leyenda Álvarez e de Vicenta Rodríguez Miguez. Casado con Sofía Vieites Penedo, de Baíña, non deixaba fillos.
• José Rodríguez González, “O Pelonio”. Fillo de Rufina Rodríguez González. Veciño da Porta da Vila en Baiona. Tiña 45 anos Este mariñeiro deixaría viúva a Clementina Freire Mosquera, de 43 anos, e orfos a Rogelio, Manuel, José, Melitón e África.
• Manuel Barbosa Durán, “O Ferreiro do Burgo”. O máis novo dos asasinados, tan só contaba con 30 anos de idade. Mecánico, natural de Bruña, foi vivir a Panxón tras o seu matrimonio con Julia Sanjuan García. Deixaría catro fillos orfos Oulia, Mª Carmen, Mª Encarnación e Manuel. Os seus pais Alfredo Barbosa e Isabel Durán Álvarez .
• Generoso Valverde Iglesias, fillo de Fermín e Constantina. Tamén traballaba como mariñeiro e contaba, cando segaron a súa vida, 37 anos de idade. Natural e veciño de Panxón, casado con Aurelia Rodríguez Cabral, deixou seis fillos, todos eles menores: Generoso, José, Germán, Vicente, Elodia e Constante.