O PP de Baiona advirte que a privatización do servizo de recollida de lixo encarecería un 50% a factura ás familias

O Partido Popular de Baiona acusa o tripartito (PSdeG, BNG e NOS), “que se autoproclama progresista”, de pretender afogar economicamente aínda máis ás familias coa privatización do servizo de limpeza viaria e recollida do lixo anunciada nos últimos días polo propio alcalde, o socialista Carlos Gómez, utilizando como escusa o incremento de residuos. “É dicir, culpando aos veciños”. Os populares queren informar a todos os cidadáns de que, de levarse a cabo esta pretensión do goberno local, os baioneses terán que pagar máis dun 50 por cento máis no recibo, “todo un despropósito neste momento no que os fogares xa viven asfixiados polo incremento dos prezos e a precariedade laboral”.

O PP, que durante os 16 anos que xestionou o Concello de Baiona sempre apostou por manter a municipalización deste servizo de limpeza e lixo, rexeita os argumentos do rexedor e sinala como culpable directo deste servizo deficitario ao tripartito porque nada máis chegar ao Concello xa están a pensar privatizar. “É inadmisible que quen van de progresistas sexan os mesmos que agora van facer pagar aos veciños a súa inacción destes catro anos para eles seguir vivindo moito máis cómodos”, valoran desde as filas populares.

“Desde que o PSdeG e os seus socios de goberno (BNG e NOS) entraron no Concello o municipio estivo totalmente descoidado, as rúas (especialmente no rural) están sucias e o lixo acumulado na contorna das illas de colectores, tal e como desde o grupo municipal popular denunciouse en máis dunha ocasión tanto a través dos diferentes órganos colexiados como tamén nos medios de comunicación. Do mesmo xeito que desde o PP criticouse varias veces que o goberno local non contratase nin a un só operario de limpeza e xardinería dos 13 que solicitaron a través do Plan Concellos deste ano, como que tampouco se investise nin un só euro en mellorar a frota de camións. Está claro que xa tiñan no seu calendario levar a cabo esta privatización total do servizo e por iso facían caso omiso a calquera consello da oposición”, decisión que desaproban os populares.

“O BNG de Baiona: o partido das escusas e contradicións”

Para o Partido Popular resulta paradoxal que o BNG, membro deste tripartito, manifeste publicamente a súa aposta polos servizos municipais mentres o goberno ao que pertence anuncia dúas privatizacións de servizos públicos en apenas unhas semanas apoiándose en argumentos banais pasados. Curiosamente, Mancomunidades dirixidas por alcaldes do BNG están a facer todo o contrario, recuperando o servizo de recollida de lixo para volver facelo público. “Está claro que este goberno local non ten principios e o BNG de Baiona véndese por manter unha cadeira”, reprenden os populares.