
O alumnado do CEIP Humberto Juanes de Nigrán recibiu na mañá de onte unha lección de vida que probablemente non esquecerán xamais, e é que alicerces tan obvios como a educación, a liberdade para instruírse no que a un máis lle interese, a capacidade de estudar un idioma ou a difusión deses coñecementos a través das novas tecnoloxías, nalgúns países son motivos máis que suficientes para levar ante un tribunal a aqueles que decidan saírse das canles establecidas. Penas que no caso de Afganistán poden chegar a pagarse coa vida.
Esta é o pesadelo que viviu a moza Elnaz Usmani da localidade afgá de Herat que con tan só 17 anos foi perseguida polo réxime talibán por adquirir coñecementos de astronomía e de inglés por internet. Afortunadamente, hoxe atópase a salvo xunto á súa familia e residirán en Sobrado dos Monxes, pero antes de instalarse fixeron unha parada en Nigrán. Aquí foron recibidos polo alumnado e docentes do centro desde a entrada ata o ximnasio por un gran corredor humano, onde tivo lugar o acto, a entrega de agasallos ou tamén que o sistema solar elaborado polos escolares como un dos seus proxectos educativos chámase Elnaz. Non faltaron as pancartas con misivas que apelaban á paz e ao amor, pero tamén con frases de admiración como “persegue os teus soños”, “ti podes facelo” ou “es tan valente”. Ao finalizar, a cantidade de preguntas formuladas polos pequenos estudantes foi tal que non puido contestar a todas, aínda que se comprometeu a facelo máis adiante e por escrito.
O certo é que detrás deste logro está o esforzo de decenas de persoas, asociacións ou entidades que achegaron o seu gran de area á causa como a súa principal promotora, a catedrática en Astrofísica da Universidade de Vigo, Ana Ulloa, que onte non puido estar presente pero que no seu lugar acudiu Elena, propietaria do chiringuito Deilán Praia en Vilaboa que foi a sede dun vermú astronómico solidario celebrado para recadar fondos cos que pagarlles as pasaxes no pasado mes de agosto. Tamén interveu Amaia Pérez Izaguirre, médico de Atención Primaria que estivo en Afganistán con Médicos Sen Fronteiras e que forma parte do grupo de apoio á familia Usmani; Marina Vidal, profesora e concelleira de Educación, ou Cristina Fernández Piñeiro, directora do centro.