Unha marea rosa contra o cancro de mama este sábado en Baiona

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Deportes, e o Baíña Fútbol Sala, organizan para este sábado, 15 de outubro, unha Andaina Solidaria contra o Cancro de Mama. O municipio tinguirase de rosa cun roteiro ao redor do paseo de Monte Boi, un percorrido paralelo á Fortaleza de Monte Real, con punto de encontro no Paseo Ribeira. As persoas interesadas en sumarse soamente terán que presentarse no lugar indicado. Ás 16:00 horas haberá unha charla sobre hábitos e exercicios saudables con Manu Costas e tamén se contará coa presenza de Esther López de Radio Voz, de “Las noches de Esther”. Tras a exposición darase inicio á andaina. Tanto o Concello como o Baíña FS pretenden concienciar á sociedade sobre a importancia da investigación e a detección precoz desta enfermidade.

Así mesmo, as voluntarias da Asociación Española contra o Cancro do Val Miñor instalarán pola tarde unha mesa informativa no Paseo Ribeira. Esta actividade forma parte das iniciativas organizadas con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama, que se celebra o próximo día 19 de outubro. Na mesa informativa recolleranse donativos para a loita contra o cancro. Ademais, poñeranse á venda algúns dos artigos de merchandasing da AECC. Tamén se informará á cidadanía sobre o labor desta asociación tanto o apoio aos enfermos e aos seus familiares, como os proxectos de investigación. Doutra banda, incidirase na importancia da prevención e manter unha vida sa.

Desde a Concellería de Deportes do Concello de Baiona promoveron esta actividade entre o resto de clubs e asociacións deportivas co fin de concienciar e apoiar esta causa implicando desde os máis pequenos ata os maiores desde o deporte base ata o absoluto. O Concello de Baiona quere mostrar o seu agradecemento ao Baíña FS por propoñer esta bonita iniciativa á que non dubidou en sumarse e apoiar a administración local.