Baiona xa baralla realizar cortes de auga se non chove

A corda da subministración do encoro de Baíña que nutre a Baiona séguese tensando e os niveis comezan a ser preocupantes. E é que os datos desvelados este luns por Augas de Galicia sitúan a súa capacidade nun 29%, case tres puntos menos que a semana pasada. Un punto a ter en conta é que as choivas da pasada fin de semana non afectaron en nada ao ritmo de descenso senón que máis ben aumentou lixeiramente respecto da media rexistrada hai 15 días, a pesar de todo a diminución porcentual segue estando por baixo do 5% marcado en xullo e agosto.

O alcalde Carlos Gómez explicou que a posibilidade de ter que restrinxir a subministración é algo que cada vez hai que ter máis en conta, aínda que confía en salvar a situación grazas ao cambio de tempo que podería chegar en poucos días. As precipitacións previstas a medio prazo pola Axencia Galega de Meteoroloxía apuntan a que auga comezará a caer partir do próximo sábado e que a situación se manterá estable polo menos ata o xoves. Todo se non se producen cambios de última hora nos partes. O rexedor vén de emitir un bando no que prohíbese o uso da auga para baldeo, rega, limpeza de vehículos, etc. e rógase a todos os veciños e veciñas o uso doméstico indispensable.

Unha das consecuencias máis inmediatas derivadas duns niveis tan baixos no encoro teñen que ver cos parámetros calidade, porque a menos volume os sedimentos aumentan en proporción empeorando os estándares brutos do recurso hídrico. Este contexto require unha maior eficiencia dos sistemas de depuración e potabilización para conseguir os mesmos resultados que nunha situación normal e non sempre se conseguen. Por agora a situación apenas variou respecto á da semana pasada pero no caso de que a choiva non solucione a falta de auga de Baíña o último cartucho pasará por facer un transvasamento desde Zamáns. Aquí a baixada da capacidade non está a ser tan acusada, un 1,7% na última semana, en parte por contar cun tamaño moitísimo maior, pero de darse o caso arrastrarían tamén a Nigrán ao ser a súa fonte principal de subministración co que cabe esperar que o descenso das reservas podería chegar a duplicarse neste escenario.