A Área Sanitaria de Vigo ten o rexistro de doadores de órganos máis alto de Galicia

A Área Sanitaria de Vigo ten rexistradas 33.423 tarxetas de doadores de órganos, dato que a confirma como a área galega con maior número de doadores, un 27,7% do total de Galicia. Así se puxo de manifesto no acto celebrado no Álvaro Cunqueiro, con motivo da inauguración da exposición itinerante de traballos premiados no IV Concurso de Carteis para escolares relacionados coa doazón e transplantes, organizado pola Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI).

O acto inaugural contou coa presenza do xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o responsable de Coordinación de Transplantes de Vigo, Lucas Lage; a xefa do servizo de Hematoloxía, Carme Albo, xunto con varios especialistas do seu equipo; a representante de ALCER Pontevedra, Sara Martínez; e o presidente de ADROVI, Celso García. Tamén estivo a gañadora do segundo premio deste Concurso, Ainoa Alonso, xunto a súa profesora Lucinaide Fernández do IES Pino Manso de Porriño. O lema elixido para o seu debuxo foi “Sé o primeiro en doar”.