
Praia América, no concello de Nigrán, foi o lugar elixido polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia para levar a cabo este xoves, en colaboración co mencionado concello, unha nova limpeza de lixo mariño no marco do proxecto “Stop and help!, que o lixo non chegue ao mar”.
Foron máis de 67 as persoas que acompañaron ás colexiadas e colexiados do COBGA para tomar parte desta nova actuación de retirada de residuos nas praias e costas deste tramo do Camiño Portugués da Costa, entre as que estaban invitadas as peregrinas e peregrinos que realizan o Camiño, as voluntarias e voluntarios da asociación de dano cerebral Alento, as alumnas e alumnos do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez e contaron co apoio do Concello de Nigrán e en especial o do seu Alcalde, Juan González Pérez.
Ao rematar a xornada, e tras as labores de clasificación e pesado coas que adoitan concluír este tipo de actividades, foron máis de 28 os quilos de lixo retirados deste fermoso areal, fundamentalmente obxectos plásticos, como envoltorios de chuches, bastoncillos dos oídos, cabichas e outra serie de obxectos de orixe continental, mentres que polo que respecta aos obxectos extraviados durante o exercicio das actividades económicas desenvolvidas no mar, os máis abondosos foron os anacos de cordas, cabos e cabiños, pequenas marañas de sedelas, os tarugos plásticos empregados nas bateas para o cultivo dos mexillóns e boias.
Entre os obxectos máis curiosos, e por citar tan só algúns: pelotas de tenis, unha bombilla e unha sandalia.
A de hoxe foi a derradeira das limpezas levadas a cabo no seo deste proxecto promovido polo COBGA, e nas que se conseguiron retirar un total de 311 quilos de refugallos tras as catro actuacións desenvolvidas nos concellos de O Rosal, A Guarda, Baiona e Nigrán.
O obxectivo perseguido con todas estas actuacións de retirada de residuos, non é outro que fomentar a conservación do patrimonio natural do Camiño, e para elo, a finais deste mes de outubro realizarase unha obra artística final dirixida por Carme Hermo e Antón Sobral, destacadas personalidades da arte contemporánea galega, na que empregarán diferentes obxectos recuperados nas limpezas, e que será exposta no Centro de Visitantes do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na cidade de Vigo, coa finalidade de servir de memoria viva na loita contra os lixos mariños e as súas nefastas consecuencias sobre o medio ambiente.