
Podemos Baiona vén de reclamar á Dirección Xeral de Transporte e Mobilidade da Xunta o cumprimento inmediato das condicións da licitación e dos acordos posteriores entre a empresa concesionaria Lugove e os Concellos concernidos da área de Vigo.
En concreto, no escrito enviado reclaman:
- A renovación completa da frota, sendo esta de plataforma baixa, tal e como se comprometera a concesionaria.
- O aumento das frecuencias para evitar intervalos baleiros de servizo, por exemplo: Moitas persoas traballan en Vigo ata ás 22:00 horas, o que fai imposible coller o último autobús, xa que sae da estación xusto a esa hora ou evitar que haxa franxas de unha ou media hora sen servizo.
- O cumprimento dos horarios nos traxectos, mellorar a divulgación destes, así como a atención telefónica/web e ter follas de reclamación a disposición das usuarias/os. A empresa Lugove non pode basearse exclusivamente no rendemento económico, se non que debe asegurar un servizo público esencial á veciñanza, para que poidan chegar a tempo aos seus centros de traballo, ensino ou servizo médico.
- O reforzo de autobuses nas horas punta, sobre todo nos meses de estío, xa que moitas persoas usuarias quedan en terra por ir o autobús completo.
- Implementar a xeolocalización e elementos interactivos nas paradas, incluíndo o servizo de axuda dinámica ás persoas invidentes (App Navilens).
O voceiro de Podemos Baiona, Agustín Silva, salienta que “o servizo que presta a concesionaria é pésimo e inaceptable, sendo esta prestación esencial para a veciñanza”, en demais, sostén que “esta exixencia incide sobre o control e o seguimento do contrato de licitación, que entrou en vigor hai case dous anos, cuxas condicións son de obrigado cumprimento”, lembrando que “cando a Xunta presentou o Plan de Transporte, aceptaron algunhas das alegacións formuladas pola nosa formación, melloras que aínda non se están a cumprir, tendo tempo xa de abondo para adaptar eses cambios” conclúe Silva.