
Como nos últimos anos o IEM programa no mes de outubro actos para homenaxear e honrar ás persoas que foron perseguidas, depuradas e asasinadas polo réxime franquista, nomeadamente aos da Volta dos nove, aos Ineses e a Dolores Samuelle. Despois de 17 anos, dende aquel 15 de outubro de 2005 no que se inaugurou na curva da Bombardeira a escultura monumento, obra do artista miñorán Fernando Casás, seguen a homenaxear aos veciños asasinados cunha ofrenda floral e diversos actos nos concellos de Baiona e Nigrán.
Este ano será o sábado, día 15 de outubro. Ás 11:00 da mañá no cemiterio de Sabarís, para continuar no cemiterio de Baiona e na Volta dos Nove, no lugar no que foron asasinados. En Nigrán, ás 13:00 do mediodía será a ofrenda floral en Panxón, diante do monumento que o Concello lle instalou diante do Pavillón Municipal. Os Concellos de Baiona e Nigrán, cos que o IEM colabora, programan neste mes actos dedicados aos seus veciños asasinados e na memoria de todas e todos os represaliados. O IEM súmase a eses actos e convida a toda a veciñanza a asistir a eles.