
A Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán celebrou este mércores os actos conmemorativos con motivo da festividade da Virxe do Pilar. Tras dous anos sen poder honrar á súa patroa, os axentes inician unha nova etapa trasladando a efeméride á Praza de Santa Liberata, co obxectivo de achegar a celebración aos veciños. O acto castrense, que comezou tras a habitual misa na Igrexa Parroquial de Santa María oficiada polo párroco Manuel Salcidos, estivo presidido polo Tenente-Xefe do Posto Principal de Baiona-Nigrán, Marcos Lago Vidal, e os alcaldes de ambos os dous municipios, Carlos Gómez e Juan González.
O izado da bandeira de España marcou o inicio do acto, baixo os acordes do himno nacional. Seguidamente tomou a palabra o Tenente-Xefe do Posto Principal de Baiona-Nigrán, Marcos Lago Vidal. “Ano tras ano, a Garda Civil mantense como unha das institucións mellor valoradas polos cidadáns. Seguiremos cumprindo coa nosa misión de protexerlles, auxiliarlles, e de facer cumprir a lei co mesmo ánimo e dedicación que vimos facendo desde hai máis de 178 anos. Tras dous anos podo dicir que estou orgulloso da unidade que se me encomendou dirixir desde aquel mes de setembro de 2020”.
O Tenente tamén se acordou das súas familias, “das que recibimos todo o apoio e comprensión”. Así mesmo expresou o seu agradecemento á “colaboración decidida” por parte das Policías Locais dos municipios de Baiona e Nigrán, “coas que se levaron a cabo servizos de gran dificultade”. Tamén á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, “un grupo de persoas cun marcado espírito vocacional e que de forma desinteresada prestan un gran servizo á sociedade”.
Mención especial tivo para Jose Celso Salgado Santamaría, que tras 48 anos de servizo ininterrompido pasará á situación de retirado o próximo mes de febreiro. Ingresou con apenas 16 anos no colexio de gardas novos de Baldemoro. No ano 76 foi destinado ao posto de Baiona para posteriormente durante 9 anos pasar a formar parte do grupo de información de Pontevedra. Chegando mesmo a prestar servizo no País Vasco, nun dos momentos máis duros da Garda Civil na súa loita contra a banda terrorista ETA. Ata que no ano 88 regresou outra vez á unidade de Baiona. “Non podo dicirche outra cousa que che podes ir coa maior satisfacción posible, que é a do deber cumprido e o respecto de todos”, destacou Marcos Lago antes de facerlle entrega da Cruz ao Mérito da Garda Civil.
Tamén foron condecorados outros dous efectivos en atención aos seus méritos profesionais durante estes últimos anos. “Condecoracións que deben de servir de estímulo para o resto de compañeiros”, incidiu o Tenente. Foron o Cabo Primeiro Damián Varela García, que recibiu a Cruz ao Mérito Militar, e Alejandro Carballo Barreira, ao que se concedeu a Cruz ao Mérito da Garda Civil.
Así mesmo, en recoñecemento e agradecemento a aquelas accións, servizos e méritos levados a cabo por gardas civís que a día de hoxe atópanse en situación de retirado, procedeuse a entregarlles unha placa en recoñecemento ao seu labor. O Capitán Jesús García Rodríguez, o Tenente Jacinto Vieira Diéguez, o Suboficial Maior Manuel Álvarez Muñoz, e os Gardas Civís Gonzalo Panadero Segur, Jesús Díaz Fernández, Gelasio García Losada, Jose Antonio Alonso González e Álvaro Alves Vergara. Este último recibiu a placa de mans do seu fillo, tamén Garda Civil, Aarón Alves Pérez.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destacou na súa intervención que “hoxe é un día para agradecer o traballo feito, non soamente nestes dous últimos anos, senón desde que o posto da Garda Civil existe en Baiona”. Pola súa banda, o rexedor de Nigrán, Juan González, manifestou que “non é fácil estar ante tanta boa xente que fai que a vida dos cidadáns de Nigrán e de Baiona sexa máis segura, máis fácil, e unha vida mellor. Todos os que estamos aquí temos que aplaudirvos, agradecervos, non só á Garda Civil, á Policía Local, a Protección Civil, o fácil que nos fixestes pasar eses dous anos tan complicados para toda a sociedade”.
Finalmente homenaxeouse aos Gardas Civís falecidos “que un día loitaron con valor, serviron con lealdade e morreron con honra”, mentres soaba o himno da Benemérita.