Gondomar organiza dúas charlas para a mocidade con motivo do Día Mundial da Saúde Mental

O Concello de Gondomar, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, organiza dúas charlas que tratarán sobre distintos trastornos que afectan aos adolescentes. A primeira das charlas baixo o título “Ansiedade e depresión na adolescencia” terá lugar o 21 de outubro ás 19:00 horas no Centro Neural de Gondomar (Policía Local) e correrá a cargo da psicóloga sanitaria Dra. Eva Méndez Santos, e nela esta especialista do equipo Aprehendo, falará de dous trastornos que afectan, segundo un recente estudo de UNICEF, ao 40% da poboación mundial en idade adolescente.

O 28 de outubro a partir das 19:00 horas e co título “O Tsunami da adolescencia no TDHA” abordará como afecta a chegada á adolescencia a nenos e nenas que padecen trastorno por déficit de atención e hiperactividade. Contarán para esta charla con Dona Paula Fernández Rodríguez, psicóloga xeral sanitaria do equipo de PersonalMind.

Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, destacou que “é moi importante para a mocidade facilitarlles as ferramentas necesarias para identificar estes trastornos e así que tanto eles mesmos como familiares ou amigos poidan buscar a axuda profesional que precisen”. “É fundamental que as administracións con competencias en materia sanitaria dediquen moitos máis recursos para a prevención e o tratamento da saúde mental, e que deixemos de estigmatizar a quen padece algunha destas enfermidades, e para elo é moi importante que a mocidade estea cada vez máis informada destas doenzas, obxectivo destas charlas que poñemos en marcha dende o Concello”.

As charlas son gratuítas e para facer a preinscrición deberán dirixirse á Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) no teléfono 986369786 ou no enderezo de correo omix@concellodegondomar.gal.