Acto en Baiona polo Día Mundial da Saúde Mental

O Concello de Baiona alúmase estes días de verde para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental que se celebra hoxe, 10 de outubro. Súmase así á campaña que está a levar a cabo a Asociación Avelaíña ao longo de todo este mes co obxectivo de sensibilizar e informar á poboación sobre as enfermidades mentais. Para chamar a atención sobre esta realidade, hoxe instalouse unha mesa informativa na bifurcación das rúas Elduayen con Carabela Pinta de 10:30 a 13:30 horas a través da que a veciñanza puido coñecer máis sobre a saúde mental e o traballo que realiza a asociación no Val Miñor.

O Primeiro Tenente de Alcalde de Baiona, Óscar Martínez Álvarez, e a Concelleira de Servicios Sociais, Conchy Vara, achegáronse ata a mesa informativa para mostrar o seu apoio e coñecer de primeira man a información e a situación tanto da propia entidade, coma dos veciños e veciñas que precisan da atención. Ademais, desde hoxe, o balcón do consistorio loce unha pancarta de apoio para sensibilizar e visibiliar sobre a Saúde Mental.

O 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde, conmemoración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.

Asociación Avelaíña

A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010. Tras 25 anos de andaina, na actualidade a asociación está integrada por 20 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.

Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra, hoxe en día Avelaíña está presente no Baixo Miño, no Val Miñor, no Condado, na Paradanta e en Salceda de Caselas e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo aquelas intervencións na área da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.