A Garda Civil investiga a dous veciños de Bueu por espionaxe industrial nunha empresa do Morrazo

Dous veciños de Bueu foron identificados pola Garda Civil, un deles detido e o outro investigado penalmente, como presuntos autores dun delito de espionaxe industrial nunha empresa da comarca do Morrazo. Estas dúas persoas, ás que se lles vincula tamén cun delito contra a propiedade industrial, acúsaselles de colocar dúas cámaras de vídeo vixilancia no interior da nave dunha empresa dedicada á elaboración de cebos para a pesca, coa presunta intención de revelar o secreto comercial en relación coa fabricación do cebo. As investigacións que se levaron a cabo polo Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas, iniciáronse cando o propietario da empresa detecta unha das cámaras e denúnciao ante a Garda Civil.

Cando os efectivos do Equipo de Policía Xudicial compareceron na empresa para comprobar os feitos e realizar a correspondente inspección ocular, detectaron unha segunda cámara que estaba instalada noutra zona do inmoble coa mesma finalidade. As dúas cámaras dispoñían de senllas tarxetas de memoria con 128 Gb de capacidade e só una delas podía ser visionada a través de control remoto. A estratexia dos investigadores permitiu a identificación dunha persoa que foi detida infraganti no interior da empresa cando se dispoñía a cambiar a batería dunha das cámaras que se apagou. Trátase dun veciño de Bueu, con numerosos antecedentes policiais. Cando foi interceptado levaba posto unhas luvas de goma, carapucha e unha máscara.

A investigación concluíu coa identificación e localización doutra persoa, tamén veciño de Bueu que era o encargado de visionar por control remoto as imaxes dunha das cámaras a través do seu teléfono móbil. A investigación puido determinar que xa estableceran relacións comerciais coas empresas provedoras dos produtos que utilizaba o denunciante para elaborar o cebo. Efectivos do Posto de Marín e Moaña colaboraron na fase operativa da investigación. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Marín, onde deberán comparecer os presuntos autores cando sexan requiridos pola autoridade xudicial.