O PP de Baiona acusa o tripartito de “falsear” as contas no orzamento

O Partido Popular de Baiona lembra que xa en marzo de 2022, cando o tripartito presentou os orzamentos municipais para esta anualidade, advertiu de que eran unhas contas “irreais de xeito evidente” froito da “improvisación” e do “interese do goberno local por aprobar un documento económico con partidas irrisorias para ao pago de gasto corrente, como é a electricidade, mentres as destinadas a autobombo, publicidade e asesores incrementábanse notablemente”.

Os populares poñen de manifesto que mentres que, nese momento, e xa desde meses anteriores, os veciños de Baiona facían fronte a subidas no recibo da luz que multiplicaban por dous a factura, PSdeG, BNG e NÓS aprobaban e defendían destinar a mesma cantidade que en exercicios anteriores a pagar a electricidade pública. Todo, sen contar cun plan enerxético que nese momento permitise adiantarse ao gasto e que agora, consideran desde as filas do PP, chega tarde. “Un exemplo máis que demostra que a este tripartito só interesáballe sacar adiante a fume de carozo unhas contas falsas coas que despois poder pagar os seus caprichos”.

O PP de Baiona lamenta ter que almorzar cada mañá con titulares nos que o alcalde, o socialista Carlos Gómez, e o seu equipo, “menten aos veciños”. “Fai sete meses dicían que os 400.000 euros reservados para electricidade eran suficientes, despois dixeron que serían 800.000 e agora xa van por 1,3 millóns de euros quen di que a semana que vén a cifra non pase dos 2 millóns?”, censuran os concelleiros populares que se preguntan de onde van sacar agora o millón de euros que falta se xa practicamente non queda remanente. “Gastáronse os aforros de todos os baiones en cuestións innecesarias e agora seguen tirando deles mesmo para pagar a luz cando, con previsión, poderían conseguir o diñeiro doutra forma sen necesidade de saquear as arcas municipais”, apostilan.