O festival Vive Nigrán nomeado en catro categorías para os Premios FEST

Vive Nigrán foi nomeado en catro categorías dos Premios FEST que cada ano recoñecen aos diferentes promotores e organizadores de festivais de música de todo o país. 150 festivais de toda España presentaron candidaturas este ano e os galardóns entregaranse en Bilbao, no marco do BIME o vindeiro mércores 26 de outubro.

O festival que acumula seis edicións celebrándose en Nigrán está nomeado á categoría de mellor festival revelación e mellor festival de pequeno formato. Ademais tamén opta aos galardóns polas mellores accións paralelas e como festival máis sostible. Vive Nigrán posicionouse en todas as súas edicións como un festival familiar con música en directo pero tamén con actividades para todos os públicos, que conectan coa contorna e o patrimonio, coas accións de VIVE SOSTIBLE, VIVE PATRIMONIO, VIVE IGUALDADE E VIVE ACTIVO, realizadas coa colaboración da Deputación de Pontevedra, dentro do programa Rías Baixas Fest e o Concello de Nigrán.

A sustentabilidade sempre foi ademais un obxectivo dentro da organización, a través do selo Vive Sostible desenvolvéronse diversas actividades para preservar a contorna onde se celebra o festival, como o uso de vasos biodegradables e xornadas de recollidas de rosados na praia. A acción máis destacable desta iniciativa é Balmi, o cachalote de Vive Nigrán que loce en Praia América como símbolo do compromiso do festival coa contorna e a sustentabilidade. Esta peculiar escultura pesa máis de 400 quilos, ten 5,60 metros de longo e 1,70 metros de alto, a escala real das crías de cachalotes e está realizada cuns 200 quilos de residuos plásticos de orixe mariña recollidos na costa galega. Esta escultura é tamén unha homenaxe ás baleas e a todos os mamíferos mariños que xogan un papel no mantemento dos ecosistemas e do clima e están a desaparecer a pasos axigantados dos océanos, enfrontados á ameaza constante da inxesta de plásticos e os enredamentos con redes pantasma.

O prazo de votacións está aberto e o público pode votar a través de https://premiosfest.com/votaciones-publico/ ata o próximo día 9 de outubro.

Na súa última edición o festival reuniu a máis de 8,000 pesonas, cos concertos de Rigoberta Bandini, Iván Ferreiro e La Bien Querida, que encabezaron un cartel que se completou con Niña Polaca, Colectivo da Silva, Grande Amore, o Concerto Vibra Mahou de Cariño e as sesións DJ de COOL NENAS e EME DJ. Á programación desta edición sumouse unha xornada extra, Vive Nigrán [+] co concerto de MIGUEL RÍOS & THE BLACK BETTY TRIO, Na canle de Youtube do festival xa está dispoñible o vídeo resumo desta última edición, celebrada o pasado mes de xullo.