
O artista do Porriño, Javier Ramírez, máis coñecido como Sr. Reny, deseñou o cartel da sétima edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que se celebrará do martes 18 ao sábado 22 deste mes. Tal e como representa o cartel, este ano o festival pon o foco na adicción ás tecnoloxías, unha patoloxía que cada vez sofren máis persoas.
Sr. Reny explica que na súa obra quixo empregar un produto cotián e recoñecible como a trampa de ratos, que ten unha serie de connotacións. “Un apetitoso anaco de queixo en forma de notificación e a adicción como trampa resume perfectamente o que se pretendía relatar”, sinala o artista. Sr. Reny súmase a nómina de artistas locais que deseñaron o cartel do festival. Abi Castillo e Lula Goce realizaron as propostas das pasadas edicións porque o obxectivo da organización é involucrar outras doutrinas artísticas no festival e dar a coñecer o talento local.
A sección dedicada a escolas do festival trata tamén esta temática. O mércores 19, alumnos da área de Vigo participarán nesta actividade que terá lugar no Auditorio do Concello e arrancará ás 11 da mañá coa proxección do filme Her de Spike Jonze. A continuación a pedagoga María Novelle e Laura Durán, psicóloga da asociación Érguete en adiccións ás pantallas, estarán comentando cos estudantes o filme e falarán do traballo que desde a asociación fan con persoas que sofren calquera tipo de adicción, incluída a tecnolóxica. Desde Érguete sinalan que desde a pandemia a asociación atende o dobre de menores para previr adiccións ás pantallas : “trátase dunha adicción silenciosa que cada vez está máis presentes na nosa sociedade”, e engaden que “esta adicción provoca o descoido ou abandono de intereses e relacións sociais, o descontrol progresivo da condutas, malestar, ansiedade e irritabilidade”.
Na edición deste ano, o festival encherá a cidade de cine con proxeccións e actividades ao longo de cinco días, do martes 18 ao sábado 22 de outubro, que terán lugar no Auditorio Municipal do Concello, o Museo MARCO e o Cine Salesianos. A Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN) organiza o VII Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo, co obxectivo de dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión, a igualdade e a difusión universal da sétima arte. O festival non sería posible sen o patrocinio e colaboración de diferentes administracións e entidades privadas.
Breve “bio” sobre Sr. Reny
Sr. Reny é o nome do estudo creativo do ilustrador e deseñador Javier Ramírez, (O Porriño,1987). Desde moi pequeno atopouse coa cultura urbana e comezou a expresar as súas inquietudes artísticas a través do graffiti. Inspirado por esta cultura decidiu formarse en estudos artísticos como Técnico superior en Ilustración na escola Antonio Failde de Ourense e Graduado en Deseño gráfico na Escola Pablo Picasso, A Coruña.
Posteriormente, desenvolveu a súa actividade en axencias de publicidade e o sector téxtil, ata que decidiu cambiar de rumbo e centrarse enteiramente no que sempre quixo, a ilustración e o deseño. Co paso dos anos as súas ilustracións publicáronse en medios tan relevantes como o Washington Post, El País, etc. Creou a imaxe de eventos tan icónicas como O Marisquiño e A Cidade Imaxinaria que se celebra na Cidade da Cultura e tamén traballou en publicidade para marcas como Heineken, Estrella Galicia, Affinity, La Quiniela, Joselito, Etc.