Baiona recorrerá ao Remanente para pagar os gastos de luz

O aumento na factura da luz non só asfixia aos cidadáns, senón que tamén pon contra as cordas ás administracións locais, que vénse na obrigación de buscar fórmulas para reducir o gasto. Ante a imposibilidade de afrontar o pago derivado da súa rede de iluminación, a Baiona non lle quedará outro remedio que recorrer ao seu Remanente mentres estuda como reunir os 2,5 millóns de euros que necesita para actualizar máis de 5.000 puntos de luz, aínda obsoletos.

Se antes de producirse o incremento o importe anual roldaba os 420.000 euros, as previsións estiman que ao peche de 2022 a suma ascenderá ata 1,3 millóns que deberá de abonar á provedora “Enerxía Galega”, coa que ten un contrato en precario. Neste sentido a suspensión da regra de gasto permítelles garantir a súa solvencia, na actualidade as arcas dispoñen de 3,8 millóns aforrados e entre os diferentes pagos que deberán de afrontar prevese que ao final do ano a cifra quede en 1,3. Para o alcalde Carlos Gómez é un imperativo comezar 2023 cun plan B ante o panorama de incerteza enerxético, porque actualmente tan só o 10% dos puntos de luz contan con tecnoloxía led e unicamente substituíndo o 90% restante lograrían o aforro de 500.000 euros que teñen marcado como meta.

O seguinte paso será abordar as opcións contractuais coas enerxéticas para conseguir unha oferta axustada sobre o kw/h. Unha das posibilidades podería pasar por unha licitación do servizo. Con todo, tampouco é garantía de aforro, posto que os prezos que ofrecen as compañías están suxeitos ás flutuacións de mercado.

Gómez abordou o tema durante o almorzo a medios ofrecido durante a mañá deste mércores e explicou que unha das grandes dificultades na renovación da rede pasa pola unificación de modelos dos puntos de luz existentes. Entre o centro urbano e as diferentes parroquias conviven 134 variantes e a idea sería reducilas a menos de media ducia, isto permitiría á súa vez reducir o mantemento. A normalización iría por áreas, é dicir, viarias, parques, zona vella, edificios públicos e parroquias. Con todo, a medida podería afectar a uns dos signos de identidade de primeira liña, as fernandinas de Elduayen. Aínda que Gómez non quixo adiantarse, reiterou que “existe unha problemática que temos que solucionar”.