Nigrán reforma dous patios exteriores do CEIP Carlos Casares

O Concello de Nigrán, coa colaboración da ANPA do CEIP Carlos Casares de Vilariño, vén de transfomar dous patios exteriores que dan acceso ao centro educativo pola parte posterior. O Concello realizou un investimento de 10.000 € colocando madeira tratada no chan de ambas zonas e habilitando un banco tipo foso de 2×2 metros no medio e unhas ramplas e tobogán desde a porta de entrada.

A petición desta obra partiu da propia comunidade educativa e o deseño seguiu as pautas do sistema pedagóxico “Lupo” co que traballa o centro, xa que se trataba de dous espazos en desuso e carentes de calquera tipo de atractivo como zona de xogo (coa gran vantaxe de que, aínda sendo un lugar aberto, o teito é cuberto, polo que se pode empregar como patio nos días de choiva). As obras foron realizados durante o verán para non interferir co inicio da actividade educativa en setembro.

“Pasiño a pasiño camiñamos xunto ao arquitecto responsable do sistema Lupo para crear un cole máis inclusivo, naturalizado e que responda máis ás pautas de pedagoxías alternativas como Waldorf ou Montessori. O obxectivo final é chegar a acadar un verdadeiro bosque-escola aproveitando toda a superficie forestal coa que linda”, resume o alcalde, Juan González.