Medio cento de maiores de Nigrán visitan a exposición sobre a indumentaria tradicional galega no Museo de Pontevedra

Medio cento de maiores de Nigrán gozaron na mañá deste mércores da exposición temporal “Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional galega” (Museo de Pontevedra) e posterior visita e xantar en Pontecaldelas coincidindo coa feira deste municipio pontevedrés. Esta excursión do Concello de Nigrán forma parte do programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade.

O grupo realizou unha imaxe xunto a foto e a recreación da vestimenta dunha labrega de Camos en 1926, constituíndo esta unha das estampas máis icónicas da fotógrafa americana en Galicia a principios de século. A continuación, desprazáronse en autobuses a Pontecaldelas para desfrutar da súa tradicional feira e realizar un paseo pola ribeira do río Verdugo. Neste mesmo municipio foi o xantar no Asador A Fracha (A Reigosa).

O Goberno local de Nigrán entende que viaxar non só serve para descubrir lugares novos, senón que achega moitísimos beneficios especialmente útiles para as persoas maiores, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención.