Manifesto Miñor leva a pleno a necesidade de dotar con persoal o Punto de Información Catastral

Dado que o novo regulamento municipal prohibe presentar máis de dúas mocións por Pleno, o Grupo Municipal de Manifesto Miñor vén de presentar pola vía de urxencia unha moción que ten que ver coa desaparición do Punto de Información Catastral que existía no Concello dende hai anos. “Un servizo de moitísima utilidade para centos de veciños de Gondomar, máxime se temos en conta que somos un Concello moi extenso e con miles de propiedades mal catastradas”, destaca Antonio Araújo.

“A xubilación do funcionario hai uns meses que levaba este servizo deixounos sen esta importante ferramenta para poder poñer orde nun catastro tan defectuoso, sobre todo o de rústica. Se temos en conta que o outro punto que existía no ORAL da Ramallosa pasoulle igual que ao de Gondomar, agora para calquera xestión deste tipo estamos obrigados a ir a Vigo, con todos os prexuízos que iso causa”, engade Araújo.

A moción solicita que se restitúa canto antes o servizo, e que no caso de non poder ser cun funcionario dos que actualmente traballan no Concello, salga das listas de contratación ou, con urxencia, proceder a convocar unha nova bolsa de traballo ao respecto.