A serie internacional “Los Enviados” gravará parte da súa segunda tempada en Nigrán

Galicia acolle a rodaxe íntegra da segunda tempada da serie de Juan José Campanella Los enviados, un dos éxitos de Paramount+, que se traslada a España despois dunha primeira entrega ambientada e gravada en México. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou este mércores na Guarda na presentación da filmación dos novos episodios, que terá lugar en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra, ademais de en Santiago de Compostela, grazas á implicación no proxecto da produtora galega Portocabo co apoio do Hub Audiovisual da Xunta.

En concreto, como detallou o conselleiro, esta produción recibe unha subvención de 300.000 euros como adxudicataria da liña específica para a atracción de rodaxes a través da que o Hub galego leva contribuído a que Galicia fose desde o ano pasado o escenario de oito series e filmes: ademais de Los enviados, atópanse nesta listaxe a primeira e a segunda tempada de Rapa e a serie infantil Los Argonautas, tamén de Portocabo; a segunda entrega de Operación Marea Negra, de Ficción Producciones; Hasta el cielo, de Vaca TV, e as longametraxes 13 exorcismos, de Bambú Producciones, e Amigos hasta la muerte, de Undodez y Medio Limón.

Aceleración da competitividade do sector

Román Rodríguez definiu o Hub Audiovisual da Xunta como a “aposta máis potente” polo audiovisual galego como motor da nosa industria cultural, que é a destinataria de 9,6 millóns de euros no período 2021-2023 a través deste programa financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE. Neste sentido, o titular de Cultura e Educación do Goberno galego sinalou que os proxectos do fondo para a atracción de rodaxes exemplifican a eficacia do Hub Audiovisual como “acelerador da competitividade económica, loxística e profesional” do sector.

Así, estas axudas para rodaxes implican un compromiso mínimo de gasto na nosa Comunidade por parte das produtoras subvencionadas, que no caso de Los enviados superará os 3M€, e en consecuencia, supoñen un importante retorno económico nas zonas que acollen as filmacións. A serie de Paramount+ leva aparellado, ademais, a contratación diaria duns 150 profesionais dos diferentes departamentos.

Xunto co conselleiro, interviñeron nesta presentación o guionista e director Juan José Campanella, showrunner de Los enviados e responsable da produtora 100 Bares; José Fidji Viggiano, VP de Produción de VIS Américas, o estudo internacional de Paramount+; e Alfonso Blanco, CEO de Portocabo e produtor executivo da serie.

A serie en español máis vista en Paramount+ EE.UU.

Román Rodríguez agradeceulles a elección de Galicia para esta segunda tempada de Los enviados, que emite unha plataforma de gran alcance como é Paramount +, con máis de 40 millóns de subscritores en todo o mundo. Máis aínda, tendo en conta que a primeira entrega converteuse na serie en español máis vista en Estados Unidos a través desta canle. “Esta oportunidade permitirá que millóns de espectadores ao redor do mundo poidan gozar do gran traballo do audiovisual galego, ademais de lles achegar a cultura, a paisaxe e o patrimonio de Galicia a través das pantallas”, continuou.

A nova tempada desta ficción, que volve contar cos actores Miguel Ángel Silvestre e Luis Gerardo Méndez nos papeis protagonistas dos cregos Simón Antequera e Pedro Salinas, rodarase ata finais de decembro nos concellos de Forcarei, Nigrán, A Guarda, Tui, Oia, Pontevedra e Santiago de Compostela. Ao elenco súmanse desta volta coñecidos intérpretes galegos como Francis Lorenzo, Pepo Suevos, Ricardo de Barreiro, Isabel Naveira, Miquel Ínsua, Guillermo Carbajo ou Luis Iglesia.

Nos novos episodios de Los enviados, os seus protagonistas trasládanse a Galicia para determinar a veracidade dun milagre nun convento onde viven tres monxas cegas. Pero, ao pouco de chegar, atópanse envoltos nunha dobre investigación: unha de carácter místico e outra moito máis terreal, relacionada cun asasinato na vila.