O PP de Baiona urxe a reparación do parque infantil e do paseo de madeira de Baíña

O Partido Popular de Baiona urxe ao tripartito que goberna o municipio a arranxar canto antes o parque infantil e o paseo de madeira do río da parroquia de Baíña, “que se atopan nun estado lamentable desde hai meses sen que o alcalde e o seu equipo presentasen o máis mínimo interese por reparalo”. A través dun rogo no pleno deste mes de outubro, os edís do grupo municipal popular reclamaron ao rexedor unha solución para evitar que poida ocorrer algún accidente.

Segundo denuncian desde o PP, a área infantil ten parte do mobiliario roto polo uso e a falta de mantemento por parte do Concello, o que supón un risco para os nenos que xogan no recinto. Pola súa banda, o paseo de madeira que discorre polo río conta con parte do tableado do chan con buracos dun tamaño suficiente como para que calquera viandante poida ter un contratempo.

Desde o Grupo Municipal do PP de Baiona lamentan que o tripartito, como ocorre noutras cuestións e servizos públicos desde fai máis de tres anos, non realice as súas tarefas de mantemento do mobiliario público a tempo e cos medios adecuados, “o que provoca unha maior deterioración e unha imaxe para os veciños e para os visitantes de deixamento e abandono do noso municipio. Ademais do desembolso económico que supón ter que compralo novo antes de tempo precisamente por esta ausencia total de coidado por parte do Concello”.