A Xunta habilitará a solicitude de renovación de receitas a través da aplicación SergasMóbil

O conselleiro de Sanidade avanzou hoxe na súa comparecencia ante o pleno do Parlamento de Galicia varias medidas de impacto para simplificar os trámites entre a cidadanía e o persoal sanitario e alixeirar así a carga burocrática en atención primaria. En primeiro lugar, García Comesaña avanzou a intención da Xunta de desenvolver a aplicación SergasMóbil para que xere alertas para o paciente no momento no que se aproxime a caducidade da súa receita e lle permita solicitar a través da propia aplicación, ou desde a oficina de farmacia, esa renovación. Pola súa banda, o persoal médico e farmacéutico recibirá esa notificación de solicitude no seu sistema de historia clínica electrónica e, no caso de valorar que a renovación procede sen necesidade de revisión física, poderá autorizala de xeito telemático. Este sistema permitirá aforrar desprazamentos, trámites e complicacións tanto á cidadanía como ao persoal sanitario sen descoidar en ningún momento o coidado da saúde da cidadanía.

En segundo termo, o conselleiro anunciou a constitución inmediata de inmediato un grupo de traballo para deseñar un sistema que automatice a xestión das baixas derivadas dunha atención hospitalaria, co obxectivo de evitar ao paciente e ao persoal de primaria innecesarias citas para tramitar unha baixa que vén xa indicada polo propio persoal hospitalario tras unha intervención ou unha atención urxente. Durante a súa comparecencia, Comesaña enumerou o conxunto de avances e melloras posta en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de acadar unha xestión máis eficiente nos servizos de atención primaria do Sergas. Lembrou que, a peche de setembro, a atención primaria galega leva atendidas máis de 22 millóns de consultas, das cales máis de 11 millóns e medio corresponden ao persoal de medicina de familia. Nun contexto de falta de profesionais médicos a nivel nacional, e co ánimo de alixeirar a carga de traballo dos facultativos, lembrou a ampliación das prazas e das capacidades do persoal de enfermería e farmacia de atención primaria; co obxectivo de que podan asumir funcións ata agora reservadas só ao persoal médico.

No que se refire á potenciación das capacidade do persoal de enfermería, puxo en valor a instrución que permite agora a este persoal realizar o seguimento dos pacientes con tratamento anticoagulante oral e que supuxo que no que vai de ano foran asumidas pola enfermaría máis de 100.000 consultas por este motivo que antes se dirixían ao médico. Para avanzar nesta liña, o conselleiro anunciou que, desde o presente mes de outubro e ata finalizar o ano, se aprobarán preto de 40 novos protocolos de enfermaría de práctica avanzada, para que os profesionais desta especialidade poidan resolver dun xeito autónomo consultas vencelladas con patoloxías que non requiran de presenza médica. No caso do persoal farmacéutico, salientou a habilitación destes profesionais para renovar as receitas de pacientes crónicos. A este respecto, destacou que, entre os que traballan nos centros de saúde (cuxo número chega aos 100 tras a incorporación de 28 novos profesionais este ano) e os destinados á central de apoio que apoiou de xeito telefónico a aqueles centros de saúde máis tensionados, foron quen resolver máis de 109.000 consultas de renovación de receitas no que vai de ano.

Entre as melloras relacionadas coas novas tecnoloxías, o responsable da sanidade galega salientou as cifras do sistema CRM100 de atención ao usuario, que actualmente rexistra, organiza e devolve as chamadas de 162 centros de saúde galegos, resolvendo o 93% delas no mesmo día, e cun tempo medio de resposta próximo aos 40 minutos. Pola súa banda, no caso do Sistema de Atención da Demanda en Equipo (XIDE), que permite derivar aos pacientes de xeito directo ao profesional sanitario máis axeitado, destacou que os resultados nos centros nos que está implantado posibilitan que ao persoal médico lle cheguen só o 52% das citas, repartindo o resto entre as demais categorías profesionais. XIDE está xa implantado en 125 centros de saúde, que atenden a máis do 40% da poboación galega.

O conselleiro de sanidade enmarcou esta reforma organizativa nunha liña de traballo iniciada coa aprobación de novas carteiras de servizos, e cia elaboración de axendas de calidade para todas as categorías da atención primaria. Ademais, puxo en valor a posta en marcha dos Plans Locais de Saúde, que dotarán de maior autonomía aos centros de saúde e que arestora xa están en funcionamento en 14 centros e chegarán a outros 28 antes de rematar o vixente ano.