O “Safari Etolóxico de Garranos” de Baiona no “Top 100 Stories” de Green Destinations

A proposta enviada e formulada polo Concello de Baiona aos premios “Green Destinations 2022 Global Top 100” foi elixida como unha das boas prácticas e exemplo a seguir nos avances do turismo sostible entre os destinos QualityCoast. O “Safari Etolóxico de Garranos” posto en marcha por Finca Moreiras en colaboración co Cocello de Baiona recibiu o recoñecemento durante a feira do turismo ITB, que se celebrou en Berlín esta semana. O obxectivo do evento é que os destinos que forman parte da Comunidade Green Destinations (na que participa QualityCoast) poidan dar a coñecer e compartir as súas boas prácticas e progresos en liña cos seus valores crave. Para esta edición, Baiona propuxo como boa práctica destacada o “Safari Etolóxico de Garranos” posto en marcha por Finca Moreiras.

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Turismo, organizou os roteiros guiados gratuítos “Safari Etolóxico de Garranos” co xerente de Finca Moreiras, Adrián Martíns. Un safari sostible que descobre este animal salvaxe no seu hábitat e milenario campando ás súas anchas no privilexiado lugar do Alto de Groba. Desde o Concello de Baiona fomentouse a colaboración entre a administración local e a empresa ofertante desta interesante e pioneira actividade.

Un safari en Baiona? Nos montes do Alto da Serra da Groba? Non é unha estratexia de márketing, en efecto, é como soa. O lado máis salvaxe de Baiona descóbrese como resultado do seu illamento da civilización, a fauna local e, principalmente, pola manda de equinos de pura raza galega, os garranos coñecidos popularmente na zona como “burras”, os cabalos salvaxes que reinan ás súas anchas nesta contorna privilexiada. De feito, é a única reserva de cabalos salvaxes do Atlántico e a maior manda de equinos en liberdade de Europa e un dos poucos lugares de España onde velos en semiliberdade e sen necesidade de intervención humana para sobrevivir.

Ademais, esta iniciativa opta a entrar na preselección das 6 mellores historias, na categoría de “Cultura e tradición”, das cales 3 serán premiadas nunha cerimonia que terá lugar na Feira Internacional de Turismo de Berlín (ITB). O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, á fronte tamén da Concellería de Turismo, sinala que “este recoñecemento internacional vén avalar o traballo realizado polo Concello de Baiona, que quixo con esta actividade poñer en valor estes animais e a contorna natural na que habitan á vez que ofrecer á cidadanía baionesa e ás persoas visitantes que o desexen a posibilidade de vivir unha experiencia de proximidade con esta especie da nosa contorna”.

“Queremos estar preto destas iniciativas que facilitan o contacto coa natureza”, destacou Gómez, quen mostrou a súa alegría con esta campaña que dá a coñecer o potencial de Baiona como un municipio comprometido co mantemento da súa flora e fauna autóctona. “Esta campaña é unha invitación para vivir unha experiencia, non só turística, senón de educación acerca da importancia de respectar os nosos animais”, insistiu. “Unha combinación perfecta para un turismo sostible e respectuoso polo que estamos a apostar firmemente. Un novo atractivo para o turista potencial, que dispoñerá de novas alternativas no destino do noso municipio”.

Finaliza dicindo que “se trata dun recurso natural polo que o goberno local quere apostar para atraer visitantes en tempada baixa, ademais de para reforzar a oferta lúdica durante todo o ano. Tamén co obxectivo de poñer en valor o inmenso patrimonio natural das nosas parroquias”.

“Top 100 Stories”

Cada ano, o concurso “Top 100 Stories” da organización internacional Green Destinations escolle historias e boas prácticas de turismo sostible en destinos de todo o mundo para compartilas como exemplos que poidan ser aplicados noutros destinos. Ao contar as súas historias, as organizacións de xestión de destinos son recoñecidas polas solucións que aplicaron en resposta aos retos e problemas de desenvolvemento sostible aos que se enfrontaron. Dado que o sector turístico enfrontouse a tempos moi difíciles nos últimos anos, hai que celebrar a resistencia e o duro traballo destes destinos para ser máis responsables.

O Safari Etolóxico, posto en marcha pola Asociación Finca Moreiras, naceu da necesidade de poñer en valor os recursos máis descoñecidos do municipio, como o monte da Groba, e dar a coñecer un activo tan importante no patrimonio local como é o cabalo garrano, típico destes montes e elemento fundamental para a conservación do mesmo. A actividade, dirixida a un reducido número de público, consistía nunha visita ao monte para divisar desde a distancia ás mandas de cabalos e explicar de forma directa as súas características físicas, o seu comportamento, tanto entre eles como coa contorna que habitan, e demais curiosidades tanto desde o punto de vista biolóxico como tamén do tradicional.

Esta candidatura foi avaliada polo equipo de Green Destinations e outros colaboradores de diversas organizacións internacionais relacionadas coa sustentabilidade.