Baiona controlará a súa zona azul mediante cámaras de vixilancia

Baiona dará unha volta de torca ao concepto do aparcamento regulado nos viarios da vila que lle permitirá prescindir dos vixiantes habitualmente encargados de verificar que os vehículos cumpran cos tempos de aparcamento nas zonas designadas. Farano servíndose dunha rede de cámaras estratexicamente colocadas que lles permitirá rexistrar as matrículas dos coches estacionados, o seu horario de chegada e saída e iniciar os trámites de sanción se esta dinámica chegase a implantarse.

Este proxecto, enmarcado dentro da dixitalización de aforos como parte do Plan de Sustentabilidade Turística de Baiona polo que recibirán do Goberno central dous millóns de euros, aínda está sobre o papel e polo momento non se decidiu a totalidade das zonas de aplicación, aínda que o rexedor Carlos Gómez adiantou que a primeira delas na que se poñerá en marcha será na rúa Carabela Pinta ao ser a única da localidade que xa conta coa delimitación de prazas pintadas desta cor, aínda que de maneira gratuíta e sen afán sancionador.

Esta medida non é máis que unha adaptación levada a cabo polo goberno local para poder seguir tocando todos os puntos esixidos nos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino do Goberno de España, PSTD, e deste xeito asegurarse o importe comprometido para remodelar a Praza de Santa Liberata ou a creación dunha rede circular de roteiros para bicicletas tanto polo litoral como polo interior de 50 quilómetros, entre outras actuacións. O novo problema co que se están atopando a maioría de municipios adheridos como Baiona é o cumprimento das anualidades, posto que as actuacións deberían de empezar no curso deste ano.

O alcalde Carlos Gómez explicou que as bases do PSTD saíron publicadas no BOE en decembro de 2021, pero o convenio non chegou ata xuño, tras as correccións efectuadas aínda están pendentes da súa rúbrica, e agora estúdase a posibilidade de xuntar os prazos de execución e xustificación a 2024, algo que en primeira instancia terá que ser autorizado por Europa. En Baiona a acumulación de persoas non chega a ser un problema, polo menos afastados de pandemias, por iso a medida non se levará ao control humano en si. A idea é implantar paulatinamente estes espazos nas zonas comerciais para fomentar a rotación sobre todo no verán, cando atopar un oco pode converterse nun deporte de risco.