Éxito de público e eloxio de pilotos e autoridades cara ao “Rías”

O 55º Rallye Recalvi Rías Baixas cumpriu tamén as expectativas previstas no que a acollida de público refírese. A afección ao automobilismo acudiu en masa aos tramos para seguir as evolucións dos máis de cen participantes que tomaron parte na carreira. Especialmente concorrida estivo a especial de Salceda, onde se citaron miles de seguidores.

Moita expectación levantou tamén a celebración da cerimonia de entrega de trofeos na Rúa Policarpo Sanz de Vigo. Un acto ao que non faltaron as principais autoridades dos concellos por onde pasou a proba, encabezados polo rexedor vigués Abel Caballero. Precisamente foi el, acompañado do vicepresidente da Federación Española de Automobilismo, José Vicente Medina, o que se encargou de dar o trofeo de gañador a Víctor Senra e David Vázquez.

O piloto de Dumbría definiu como “un rallye de 10” a súa participación nesta 55 edición do “Rías”. Víctor Senra mostrouse moi contento por como respondeu o coche e o equipo. “Estivemos arriba desde o primeiro tramo e fomos moi cómodos durante todo o rallye. Agora, que siga o refacho”, sentenciou. Coa súa vitoria no 55º Rallye Recalvi Rías Baixas, Víctor Senra colócase a un paso de proclamarse Campión do CERA Recalvi 2022, un título que levará con tan só acabar o Rallye de Estremadura, última proba da Copa.

Outro que desbordaba alegría, pola súa segunda posición, foi Jorge Pérez Oliveira. “Estou moi contento. O resultado é moi bo porque era moi difícil alcanzar a Víctor Senra. Todo o mundo confiaba en que lográsemos esa segunda praza pero non foi fácil -recoñecía- e máis aínda xogándonos ese caixón do podio no TC 10 de Salceda. Creounos un nervio complicado pero afrontámolo como un exame e saíunos ben. Foi moi bonito e un orgullo terminar o rallye desta forma correndo diante da miña xente”, emocionábase. Jorge Pérez e Miriam Vera recibiron o trofeo como segundos clasificados do Rallye de mans dos alcaldes de Porriño (Alejandro Lorenzo) e Salceda Caselas (Verónica Tourón).

O premio ao terceiro mellor equipo da xeral deste “Rías” entregárono o promotor do Rallye, Chema Rodríguez e o concelleiro de deportes do concello de Vigo Manel Fernández. Un galardón que José Luis Peláez recibiu con moita ilusión. “Fomos todo o rallye moi sólidos, o coche non fallou e ao final ese terceiro posto sábenos moi ben”, asegurou un piloto que tivo palabras de eloxio cara á organización polo trato recibido. “Así dá gusto correr”, sentenciou.