Contundente triunfo de Víctor Senra no 55º Rallye Recalvi Rías Baixas

Víctor Senra pasou a formar parte da historia do Rallye Rías Baixas tras impoñerse con total autoridade na 55ª edición da proba viguesa. O piloto de Dumbría marcou o mellor tempo en nove dos 10 tramos cronometrados; só cedeu a primeira pasada por Salceda. O seu Skoda Fabia Rally2 Evo levantouse ao liderado da xeral provisional con catro scrath na primeira xornada de competición. Comezou a segunda etapa con 31.9 segundos de vantaxe sobre o segundo clasificado e a partir de aí foi ampliando as súas diferenzas, superando xa o minuto na primeira pasada polo tramo de Fornelos TC 6. Coa vitoria xa encarrilada, puido afrontar os últimos tramos sen tensión, gozando de cada trazada ata asinar a súa vitoria cun scracth no TC10 Salceda que lle permitiu concluír en rallye cun minuto e 20 segundos de vantaxe sobre o segundo.

Con Víctor Senra intratable durante todo o rallye, o interese do “Rías” centrouse en coñecer quen lle acompañaría, e por que orde, nos outros dous caixóns de podio. Jorge Pérez e José Luis Peláez mantiveron unha bonita loita durante toda a carreira intercambiándose o segundo e o terceiro posto. O piloto de Salceda chegou á segunda etapa ocupando a segunda posición da xeral e mantívoa ata a primeira pasada por Fornelos, onde unha picada fíxolle perder case tres segundos con respecto a Peláez; contratempo que lle deixou ademais sen opcións de pelexar pola vitoria xa que a diferenza co líder foise ao minuto. Non veu con todo abaixo o equipo Jorge Pérez-Miriam Vera. Saíu a lume de biqueira no tramo de Salceda (TC7); a especial de casa, e ademais de facer o mellor tempo, logrou recuperar a segunda posición.

O man a man continuou nos tramos da tarde. Na segunda pasada por Ponte Caldelas (TC8), José Luis Peláez recortou distancias con Jorge Pérez, que cedeu varios segundos por un suposto contratempo co GPS do seu Skoda Fabia R5 e só puido marcar o quinto mellor tempo do tramo. E no TC 9 de Fornelos, Peláez-Chamorro, culminaron a súa remontada e colocáronse segundos da xeral cun segundo e unha décima de vantaxe sobre o piloto local. Desa forma, o segundo posto do 55º Rallye Recalvi Rías Baixas decidiuse no último tramo da proba, a segunda pasada a Salceda. E nela, cumpríronse os prognósticos. Gran coñecedor do trazado, pola proximidade á súa casa, o equipo Jorge Pérez-Miriam Vera, fixo mellor tempo que Peláez, case 10 segundos máis rápido e asegurouse o segundo caixón do podio. José Luis Peláez tívose que conformar, desa forma, co terceiro posto.

Tamén houbo que esperar ao último tramo para coñecer quen ocupaba a cuarta e quinta posición da xeral do 55º Rallye Recalvi Rías Baixas. Por ela mantiveron un bonito man a man Luis Vilariño e Manuel Fernández. De feito, chegaron ao TC 10 separados por tan só oito décimas, despois de que Vilariño arrebatase no TC 9 ese cuarto lugar ao gañador do Rías de 2019. Pero na última especial do Rallye, Manuel Fernández-Jorge Murado espremeron ao máximo o seu Skoda Fabia Rally2 e empregaron dous segundos menos que Vilariño en completar o percorrido, un tempo que lle serviu para asaltar a cuarta praza e relegar ao seu rival á quinta posición.

Por detrás deles, os irmáns Vallejo, moi combativos durante todo o rallye, ocuparon a sexta praza; o Clio Rally4 de Jorge Cagiado foi sétimo, na oitava posición concluíu Albert Orriols, noveno foi o piloto vigués Pablo Pazó aos mandos do histórico Talbot Sunbeam Lotus e pechando o Top ten, Miguel García.

Moita competitividade, tamén nas Copas

Precisamente o Clio Rally5 de Miguel García alzouse co triunfo na Clio Trophy Spain, tras manter un bonito duelo con Carlos Rodríguez ao que finalmente avantaxou en oito segundos.

José Luis Pérez Oliveira levou o triunfo na Challenge Recalvi Trofeo Michellin, onde Luis Vilariño foi segundo e Sergio Vallejo terceiro.

No Desafío Kumho Asfalto impúxose a Francisco Javier Andrade; Sergio Otero venceu no Criterium Recalvi e na Dacia Sandero Rally Cup o mellor foi Ángel Rodríguez.

Destacados abandonos

Non correu tanta sorte neste rallye, Óscar Palacio. O campión do CERA Recalvi 2021 viuse obrigado ao abandono por novos problemas no seu Ford Festa R5 MkII na xornada matinal. Os irmáns Pais, que tamén sufriron unha avaría no seu Renault Clio R5 N5, na ligazón entre Samil e Ponte Caldelas xa non puideron tomar parte nesta segunda etapa e unha saída de estrada do Hyundai do i20 de Álvaro Muñiz no TC7 Salceda, obrigou a neutralizar o tramo cando só o completaban os cinco primeiros pilotos. Muñiz e o seu copiloto necesitaron asistencia médica pero finalmente, todo quedou nun susto.