A exposición “Negros Americanos” pecha en Baiona con máis de 300 visitas

A sala da Capitanía Marítima de Baiona pechou este venres a exposición “Negros Americanos” da pintora e ilustradora nigranesa Laine Villero, con máis de 300 visitas. Trátase de seis obras, realizadas con nostalxia, paixón e forza para proxectar un estado íntimo cunha temática transversal que nos mergulla na arte dos negros americanos dos anos 70 e 80.

A artista, durante o tempo que durou a exposición, realizou varios obradoiros gratuítos para asociacións da comarca como AFAGA, Asociación Avelaíña ou os benxamíns do Baíña Fútbol Sala, entre outros. A artista Laine Villero forma parte do grupo de fusión de arte Solaina, ilustrando os libros “Dedas” , “Un paseo por Nigrán” e “Un paseo por Baiona” da escritora Soledad García e a deseñadora Natalia Guisande.