As mozas danlle a España o seu primeiro ouro no Trial das Nacións de Baiona

A selección feminina de Trial deulle a España o seu primeiro ouro no Trial das Nacións de Baiona, un éxito deportivo conseguido por Sandra Gómez, Berta Abellán e María Giró que lograron finalizar as dúas voltas ás 15 Zonas cun punto.

Tras as españolas clasificáronse segundas as británicas, con 4 puntos, sendo bronce as norueguesas, con 6 puntos.

Con puntualidade, ás 10 da mañá, comezaban os percorridos desde o Paddock os equipos femininos que, pola orde de cualificación obtido o venres, conformaban a súa grella de saída. As primeiras en abordar as 14 zonas de mar e monte, coa Indoor como 15, eran as australianas, seguidas de norueguesas, francesas, americanas, británicas, irlandesas, portuguesas, italianas, e alemás, sendo as últimas en saír as españolas debido ao excelente resultado de Sandra Gómez na xornada anterior como representante única de España, do mesmo xeito que Toni Bou.

Tras a primeira volta, o seleccionado nacional finalizaba na cabeza, con cero puntos, seguido de Gran Bretaña e Alemaña, que empataban a 3 puntos no posto provisional da prata e o bronce.

Na segunda, só unha penalización de María Giró na Zona 14 marcaba ese único punto co que chegaron á final, por catro das británicas, que entre as súas filas ten á vixente campioa do mundo, Emma Bristow, que non tivo o seu día, e seis das norueguesas. As alemás, que partían como un dos equipos favoritos en Baoina, tivéronse que conformar coa cuarta praza.

A entrega de premios celebrouse no propio Paddock do Trial das Nacións, onde se atopa a Zona 15, coa presenza do Alcalde de Baiona, Ángel Rodal; a Deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra, Chelo Besada; e o presidente da Peña Moteros Val Miñor, José Durán.

Mañá é a quenda dos mozos, con Toni Bou á cabeza dunha gran selección á que se suma Adam Raga e Jaime Busto.

As probas comezarán ás 9 da mañá e, do mesmo xeito que a competición feminina, consta de dúas voltas ao Monte Boi.